Lugonovo propón un recoñecemento oficial para o nadador Mauro Rodríguez

Lugonovo vén de suxerirlle ao goberno a organización dunha recepción oficial para o deportista paralímpico Mauro Rodríguez, que obtivo cinco metais nos recentes campionatos de España de natación adaptada, celebrados o pasado fin de semana na localidade gaditana de San Fernando.

O lucense logrou a medalla de ouro nos 200 metros mariposa así como dúas pratas, nos 100 e os 50 metros desta mesma categoría e sendos bronces nos 400 e 200 metros libres.

“Todo un referente de superación –  destaca a portavoz do Grupo Municipal – que debe ser recoñecido dende as institucións, comezando pola administración local”.

Cristina Pérez Herráiz enxalza a valía de Mauro Rodríguez, “non só no eido deportivo, onde cada ano revalida triunfos, deixando no máis alto do podio o nome da nosa cidade, senón tamén como referente inclusivo para toda a sociedade”.

“Estamos seguros de que a Corporación ao completo comparte con nós a transcendencia de visibilizar publicamente os seus logros e de felicitalo, unha vez máis, pola súa excelente traxectoria persoal”.

“Un amplo historial de méritos – subliña a voceira –  en moi diferentes competicións e entre os que tamén se inclúe ter sido o primeiro galego con síndrome de Down en conseguir, por oposición, unha praza de funcionario do Estado”.