Lugonovo propón converter ao concello na primeira Cidade galega Polo Comercio Xusto

Lugonovo trasladará ao vindeiro Pleno unha iniciativa para acadar que Lugo sexa o primeiro concello de Galicia en obter a distinción de Cidade polo Comercio Xusto.

“O Comercio Xusto estase a converter nunha alternativa de consumo cada vez máis reivindicada e valiosa para a cidadanía en xeral“, explica a portavoz do Grupo Municipal. “Trátase dunha ferramenta de cooperación e desenvolvemento sostible, baseada no diálogo e a transparencia, que procura unha maior equidade e garantiza que se respecten os dereitos laborais dos traballadores, especialmente de rexións do Sur”.

“Un modelo de mercado, contrario á pobreza e á desigualdade, polo que, cremos, tamén se pode pular dende as Coorporacións locais e, con ese convencemento, así o proporemos na próxima sesión plenaria”, refire Cristina Pérez Herráiz.

O título, co que xa contan preto dunha vintena de municipios en España, obriga ás localidades que queren acadalo a cumprir cinco requisitos coa fin de promocionar o Comercio Xusto e normalizalo non só entre a poboación, senón tamén no ámbito interno do tecido empresarial, na comunidade educativa e nas compras públicas das institucións.

Entre outros dos preceptos figuran, a aprobación, por parte dos Concellos,  dunha resolución ou declaración favorable a este respecto, así como a búsqueda de colaboración co sector privado para que cafeterías, restaurantes e todo tipo de negocios ofrezan á clientela artigos de Comercio Xusto nos seus establecementos.

“Tamén deben poñer en marcha unha campaña de comunicación e sensibilización á cidadanía e crear un equipo de traballo multidisciplinar que coordine o programa de actuacións. Obxectivos, todos eles, que entendemos perfectamente asumibles por esta administración”, apunta a voceira.

Dende Lugonovo instan, asemade, ao executivo a aproveitar tódolos esforzos que se fagan na materia para fomentar e potenciar tamén o consumo do produto ecolóxico, “en tanto combina mellores prácticas ambientais, favorece un elevado nivel de biodiversidade e de preservación dos recursos naturais e se sustenta en técnicas tradicionais de cultivo, menos invasivas e afastadas da utilización de conservantes químicos o que implica que goce dunha elevada seguridade alimentaria, reforzada polo maior número de controis sanitarios dos que é obxecto”, conclúe Pérez Herráiz quen sinala un incremento considerable, na capital, do número de tendas de nutrición ecolóxica como “boa mostra da aceptación que teñen entre o público”. Alguhas das medidas suxeridas pola formación son, por exemplo, a organización de actos promocionais, multiculturais ou mesmo a elaboración dunha guía informativa e de divulgación na que figuren estes establecementos.