Lugonovo pídelle ao goberno que deixe de mentir sobre os prazos previstos para o desdobramento da Duquesa de Lugo

Lugonovo pídelle ao executivo que se aclare dunha vez por todas e deixe de dar versións contraditorias sobre o estado de tramitación no que se atopa o desdobramento da Avenida Infanta Helena.

“Non pode ser que esta semana refiran que aínda se está traballando no levantamento topográfico da zona cando a nós nos respostaron en novembro pasado, tal e como recolle a Acta da Comisión de Medio Rural dese mes, que o devandito estudo xa estaba finalizado e pendente de ser remitido ao Concello antes de que rematase o ano”, explica a portavoz.

“Ou o propio equipo de goberno non está informado dos asuntos que xestiona ou minte máis que fala”, reprocha Cristina Pérez Herráiz en alusión ao acontecido.

“A alcaldesa prometía que o proxecto estaría concluído en 2017, pero pasou o exercicio e, polo que se ve, aínda non se resolveu, sequera, o concernente ás expropiacións dos terreos necesarios para levalo a cabo”, sinala a voceira, quen apunta que o procedemento tampouco sae reflictido na memoria anual de Evislusa, presentada esta mesma mañá, a pesares de que a empresa municipal tiña varias encomendas ao respecto.

“Este é outro exemplo máis de que o executivo local é incapaz de cumprir cos prazos que el mesmo fixa pero, á vista de que nin os seus integrantes teñen claro o avanzadas que están as tarefas para humanizar esta parte da cidade, unha vez máis, dende Lugonovo, insistímoslle en que non supedite a estes labores o repintado e a mellora da sinalización que precisa urxentemente toda a contorna”, reclama Pérez Herráiz.

A portavoz do Grupo Municipal trasladou, tamén nesta xornada, á Comisión de Desenvolvemento Sostible un rogo para que se repare o pavimento da Rúa Monforte, que quedou bastante deteriorado no enclave que, durante moito tempo, ocuparon un guidastre e o seu soporte de formigón.

“O firme está absolutamente estragado e, se non se amaña, pode converterse incluso nun foco de caídas para os viandantes”, advirte a voceira ao tempo que aprema a corrixir, canto antes, a situación.