Lugonovo trasladará á dirección de Tablicia a inquietude veciñal porque se respecten os límites de contaminación

Lugonovo visitará Tableros Hispanos o próximo 11 de abril para coñecer, en primeira persoa, a actividade que desenvolve e os protocolos de seguridade e protección medioambiental que aplica esta factoría, despois de que a veciñanza da contorna lle trasladara á formación varias queixas por un posible incumprimento dos niveis de contaminación acústica e atmosférica establecidos.

“Os propietarios das vivendas de O Vilar están moi preocupados pola toxicidade que puideran ter as emanacións da fábrica – explica Cristina Pérez Herráiz. Refiren que, en momentos puntuais, a densidade do pó que se detecta no aire é tal que dificulta a respiración. O mesmo, relatan, sucede coa emisión de ruídos, que cren moi por riba dos decibeles permitidos pola lexislación”.

Mostra de que as sospeitas dos residentes poden non estar erradas é o feito de que o pasado mes de decembro o Concello sancionara á compañía de aglomerados cunha multa de 1.200 euros e baixo advertencia de suspender o funcionamento das instalacións se no prazo de quince días non axustaba o proceso industrial dos equipos auditivamente máis relevantes para que non superaran os límites sonoros no espazo exterior da urbanización.

“Trátase dunha infracción tipificada como grave que os propios técnicos municipais puideron constatar durante unha medición que realizaron en novembro, ante a denuncia efectuada dende a Asociación de Veciños polas molestias que lles estaba a ocasionar a empresa”, apunta a portavoz do Grupo Municipal.

Pérez Herráiz conta que “en canto tivemos coñecemento deste expediente, Lugonovo interpelou tanto ao goberno autonómico como ao local. Foi a principios de xaneiro que rexistramos námbalas dúas administracións unha batería de preguntas coa fin de que, en función das súas competencias, nos indicaran qué tipo de supervisión están a realizar para verificar que se respectan os parámetros impostos pola normativa en vigor, a periodicidade coa que realizan estos controis, a data do último e, sobre todo, cal foi o seu resultado. Sen embargo, tres meses despois de requirir a devandita información ningún dos dous organismos tivo a ben contestarnos para aclarar as cuestións referidas”, lamenta a voceira, “evidencia da sensibilidade e tamén da axilidade coa que, estamos seguros, atenden o resto de solicitudes cidadás que reciben”, conclúe Cristina Pérez.