Lugonovo advirte do risco de novas caídas de árbores na Volta da Viña

Lugonovo insta ao goberno a revisar con urxencia o estado no que se atopan as árbores do Parque Marcos Cela ante o risco de que poidan producirse novos esborrallamentos.

“Ao borde do noiro, xusto na curva da Volta da Viña, hai varios carballos que semellan estar a piques de caer”, advirte Víctor Álvarez, “cómpre que os técnicos municipais valoren de novo a situación na que se atopan e estimen se convén tallalos antes de que poidan ocasionar un grave accidente na contorna”.

O edil de Lugonovo subliña que nas últimas semanas rexistráronse na zona varios desprendementos de pedras relacionados coa falta de estabilidade que padece o terreo. “Independentemente de que sexa convinte mellorar a súa drenaxe, o fundamental agora é evitar calquera tipo de perigo para o tráfico rodado e peonil”.

“Existe ademais outro condicionante importante que non debemos esquecer: o tempo. Porque se as chuvias destes meses puideron afectar á consolidación da ladeira, as previsións meteorolóxicas que se agardan para as próximas xornadas van na mesma dirección: moita auga e fortes ventos que poden comprometer a seguridade e favorecer que outros exemplares se veñan abaixo”, explica o concelleiro da formación.

Álvarez Arias recomenda que as tarefas de inspección se fagan extensivas ao resto de zonas verdes e xardíns da capital coa fin de avaliar o estado de conservación das especies que acollen. “O último suceso rexistrado na carballeira de Fingoi demostra que se trata dunha supervisión necesaria, imprescindible e inaprazable”, conclúe.