Lugonovo cualifica de ridícula a partida asignada a Lugo no proxecto de Orzamentos do Estado

A portavoz de Lugonovo cualifica cun moi deficiente a partida económica que o Goberno Central vén de asignarlle ao concello no proxecto de Orzamentos deste exercicio.

“Se en 2017 Lugo practicamente non existiu para o Executivo do señor Rajoy, ¿que vai ser de nós este ano?”, pregúntase Cristina Pérez Herráiz despois de cuantificar en máis de 9 millóns de euros a rebaixa da consignación prevista con relación aos Presupostos anteriores.

A voceira da formación apunta que non hai máis que intentar entrar ou saír da capital para decatarse de que o PP está a someter ao municipio a un esquecemento permanente.

“Todas as infraestruturas que nos comunican con resto do país atópanse nun estado precario de conservación até o punto de converterse en vías moi perigosas pola falta de mantemento que padecen: véxanse as estradas a Ourense ou a Santiago e a mesma autovía A6, co pavimento completamente desfeito que compromete a seguridade do tráfico. Por non falar do tren, o de alta velocidade nin mencionalo, ou das conexións ferroviarias sen modernizar dende a intemerata, que afondan no illamento da cidade e da provincia en xeral. Poucas e malas dotacións, obsoletas e desatendidas polos seus titulares que demostra que os lucenses somos para quen nos goberna, cidadáns de terceira categoría”, reprocha Pérez Herráiz.

A portavoz do Grupo Municipal mantén o ton crítico: “Os investimentos son escasos e iso cando os hai, porque outras intervencións, prometidas incontables veces, terán que seguir agardando. Non hai máis que ver os cero euros destinados á Rolda Norte ou ao estudo previo da nova comisaría de Policía nas vellas instalacións do Hospital Xeral”.

Cristina Pérez subliña que á lista de desprezos para con Lugo cómpre engadir a conxuntura social na que deriva a xestión da dereita e “da que a nosa veciñanza non é allea”.

“O que entenden pola subida das pensións é para a nosa organización algo doloroso tendo en conta, especialmente, que a que se percibe nesta provincia é das máis baixas do Estado o que acentúa a brecha entre unhas rexións e outras. Tampouco concordamos coas súas políticas de emprego que apuntan á creación de novos postos pero nunhas condicións de precariedade laboral e inestabilidade aínda nunca coñecidas en España. Algo que se demostra en que aqueles que marcharon a traballar ao estranxeiro non poden sequera pensar en regresar. Non nos colle de sorpresa iso, si – admite a voceira. Cando bicar a bandeira e enxalzar os símbolos está por riba das persoas, é evidente que existe un problema de prioridades. Á vista están as consecuencias”, conclúe.