Lugonovo urxe a rematar a ordenanza de publicidade para combater os anuncios sexistas que aínda quedan na cidade

 “¿Cantas décadas se necesitan para redactar unha ordenanza?”. É a pregunta que se fai a portavoz de Lugonovo para denunciar que o goberno do Partido Socialista leva máis de dez anos tratando de sacar un texto que regule a instalación de postes publicitarios no municipio.

Cristina Pérez Herráiz cualifica de incomprensibles e inxustificadas as demoras que arrastra a creación deste marco normativo. “Cada vez que dende a oposición preguntamos sobre o asunto, a resposta do executivo é sempre a mesma: está a piques de saír. Unha afirmación que xa se converteu en slogan polo que, á vista dos feitos e nunca mellor dito, encerra de propaganda”, asegura a voceira.

“Non sabemos por qué motivo a entrada en vigor deste documento se dilata tantísimo no tempo pero hai moitas cuestións relacionadas con el que merecen dunha solución inmediata. Unha das máis relevantes, ao noso xuízo, é a de poñerlle freo aos contidos sexistas, vetando calquera publicidade que constitúa un prexuizo para os dereitos individuais e a consideración de xénero así como a súa mercantilización”, sinala a voceira da formación.

Pérez Herráiz insiste en que a ausencia desta norma ten como froito que, “nas entradas da cidade, a modo de recibimento ao visitante, aínda existan auténticos murais que convidan a acudir a clubs de alterne próximos. E todo a pesar de que a finais de 2015 este Concello acordou adherirse á Rede de Cidades Libres de Tráfico de Mulleres, Nenos e Nenas”.

Entre os termos aos que obrigaba o seu cumprimento, inclúe a sensibilización da poboación sobre a equivalencia entre a prostitución e a explotación sexual das mulleres “e polo tanto, consentir a presenza destes carteis, é unha forma máis de violencia machista á que este equipo de goberno contribúe coa súa ineficacia e pasividade”, reprocha Cristina Pérez.

A portavoz do Grupo Municipal engade ademais outro aspecto a ter moi en conta: as cuantiosas perdas económicas que entraña para as arcas locais a imposibilidade de recadar tributariamente pola exposición destes valos. “Son moitas as frontes que cómpre resolver con esta ordenanza, polo que, unha vez máis, interpelaremos ao executivo nas vindeiras Comisións para que explique e, se pode ser, con sinceridade, o estado no que se atopa a súa tramitación”, conclúe Pérez Herráiz.