Lugonovo alerta dos graves prexuízos que as madeireiras ocasionaron este inverno no rural

Semella o escenario dunha batalla campal mais toda esta desfeita é froito da actividade madeireira.

“A zona afectada, que tal e como quedou ben se podería declarar catastrófica, pertence á parroquia de Torible, no límite entre os concellos de Lugo e Friol – explica Víctor Álvarez – pero só é un exemplo do que acontece noutros moitos núcleos nos que estas empresas actúan con absoluta impunidade”.

O edil de Lugonovo denuncia o grave prexuízo que as operacións forestais están a ocasionar non só ao medio ambiente senón tamén ás comunidades veciñais.

“As rodadas da maquinaria desfán o terreo producindo fendas de case medio metro de profundidade, os restos que se orixinan durante a talla acaban esparexidos polas cunetas dificultando, logo, a canalización das augas pluviais e propiciando os asolagamentos, e o peso dos vehículos nos que se trasladan os troncos deteriora irreversiblemente o asfaltado das pistas deixando sen servizo aos residentes, por non falar de que a relaxación coa que se supervisan estes traballos fai que moitas das compañías se salten á toureira os límites que impón a normativa sobre as distancias ás que deben asfastarse as plantacións das vías”.

“Incrementar a vixilancia sobre estes operativos parécenos fundamental  – indica Álvarez Arias – pero, dende Lugonovo, entendemos como prioritario o imperativo de dotar dun marco legal este control, co propósito de efectivizalo. Hai medio ano que a Corporación acordou crear unha ordenanza que regule os usos dos camiños do rural, e queremos saber con qué axilidade está a prosperar a súa tramitación e, conforme a iso, cal é o grao de compromiso que o equipo de goberno ten con este asunto, polo que preguntaremos en Comisión”, anuncia.

O concelleiro da formación insta, asemade, ao executivo a rematar o documento canto antes ao entender que se trata da ferramenta máis apropiada para poñer fin ao libre albedrío do que desfruta a industria dedicada á corta e saca da madeira. “A diferenza doutras moitas localides, nas que este texto xa está en vigor dende hai anos, Lugo non conta con ningunha regulamentación específica que obrigue a estas empresas a restaurar os bens que arruínan cos labores de extracción, ou que tipifique as sancións correspondentes en caso de que non o fagan. Unha eiva que está a damnificar aos nosos montes e tamén ás escasas infraestruturas das que dispoñen as parroquias”, conclúe Víctor Álvarez.