Lugonovo só concorrerá ás eleccións municipais de 2019 baixo fórmulas que respecten a súa condición de plataforma cidadá

A Asemblea de Lugonovo, reunida na tarde de onte con carácter ordinario, vén de ratificar de maneira unánime a vontade da organización de concorrer ás vindeiras eleccións municipais únicamente baixo fórmulas acordes co seu espírito fundacional. Por tanto, Lugonovo presentarase a esta cita electoral baixo fórmulas que respecten a súa condición de plataforma cidadá de adscrición individual.

A decisión das bases de Lugonovo reitera a aposta pola escolla e conformación da lista electoral a través dun procedemento de primarias. Entenden esta forma de elección como a mellor garantía dun proceso democrático, en igualdade de oportunidades e representativo no seo dunha plataforma que quere servir como vehículo da unidade popular.

Por outra banda, e por fidelidade a eses mesmos principios, a asamblea de Lugonovo apoia a lexitimidade dos órganos democráticos de toma de decisións e xestión política diaria dos que se ten dotado En Marea, como son a Coordinadora, o Consello e o Plenario. O respecto a estas estruturas e aos procedementos democráticos que as rexen son a base da política entendida nun sentido fraterno e transformador.