Lugonovo quere que se efectivice canto antes o convenio coa Deputación que posibilitará gravar ás subministradoras de enerxía

“Sen tempo non era”. A portavoz de Lugonovo bota man do “mellor tarde ca nunca” para valorar con satisfacción que, “por fin”, o Concello de Lugo vaia iniciar os trámites para cobrarlle ás empresas distribuidoras de enerxía pola ocupación que fan do espazo público coas súas infraestruturas.

“Mágoa que non sexa por inicitiva propia senón porque outra institución amiga lle saque as castañas do lume”.

Cristina Pérez Herráiz lembra que foi Lugonovo quen impulsou a creación desta taxa trasladando, ao respecto, unha proposición ao Pleno de xaneiro de 2017, que contou co apoio unánime da Corporación. “Pero ata a data, nada se fixo por materializala”, sinala.

“Senón que, dende ese momento, o goberno iniciou un periplo polas escusas máis ocorrentes coa fin de seguir asentado na comodidade que lle brinda a súa propia inacción. Dende que non había persoal suficiente para redactala, a que o traballo de campo que esixía era inxente, pasando pola suxestión de que a fixéramos nós mesmos. Agora nos decatamos de que o caso era ese: que outro asumira o esforzo”, di a voceira da formación en alusión ao feito de que vaia ser a Deputación quen lidere a realización do inventario de redes que posibilitará o desenvolvemento da devandita ordenanza.

Segundo se trasladaba hoxe publicamente, o ente provincial cofinanciará o 50% do custo que teña a contratación para elaborar o referido atlas e, a partir do cal, se establecerá o rango de tributos que estas compañías abonarán aos municipios, en función da superficie, a lonxitude ou a tensión das liñas que empreguen, en cada caso, para dar servizo á poboación.

“Sorpréndenos que a alcaldesa non saíse co seu atril a dar a boa nova de que, finalmente, Lugo sí gravará ás grandes subministradoras, sobre todo, despois de tantos meses desbotando a idea e referíndose a ela como unha quimera. Mais a velocidade que demostra na súa xestión espértanos certa desconfianza. Por iso interpelarémola na Comisión de Contas co obxecto de que aclare os termos do convenio ao que administración local se acaba de adherir e cómo de avanzada está esta colaboración, non vaia ser que, para non variar, a súa tramitación se atrase, coma todo, polos séculos dos séculos”, conclúe Cristina Pérez Herráiz.