Lugonovo acada o compromiso de Tableros Hispanos para ter incorporadas, tralo verán, distintas melloras aos protocolos de contaminación que aplican

Lugonovo visitaba este mércores pola tarde as instalacións de Tableros Hispanos para coñecer, en primeira persoa, baixo qué protocolos de seguridade ambiental opera a compañía.

Un encontro que a voceira do Grupo Municipal cualifica de “moi proveitoso” tras acadar, durante o seu transcurso, o compromiso da empresa de ter incorporadas, ao remate do verán, varias medidas que diminuirán o impacto contaminante da súa actividade industrial.

“Nuns días reunirémonos de novo coa veciñanza para trasladarlles con detalle en qué consistirán estas actuacións e para programar con eles unha nova visita á factoría coa fin de que poidan comprobar por sí mesmos a súa aplicación”, indica Cristina Pérez Herráiz.

Entre as intervencións anunciadas pola directiva de Tableros Hispanos destaca especialmente, a xuízo da formación, a instalación dunha pantalla acústica, superior aos 5 metros de altura, na parte do recinto que linda coa urbanización de O Vilar e que só agarda pola concesión da correspondente licenza municipal, e a plantación, a continuación da mesma, dunha zona arbórea que exercerá de barreira natural para amortecer o son que xera a produción de aglomerados.

Así mesmo, dende Lugonovo subliñan como outros avances positivos a próxima colocación de sistemas que corrixirán a emanación á atmósfera do po resultante de moer a madeira, ou a posta en marcha dunha caldeira de biomasa que reducirá, considerablemente, o consumo de combustibles fósiles.