Lugonovo pregunta pola estética, fóra de lugar, da fonte de Gondar

“Fóra de lugar”. Ese é o cualificativo que lle merece a Lugonovo a nova fonte da Redondela, na parroquia de Gondar.

“É a exemplificación do mal gusto trasladado ao ornato público”, valora Víctor Álvarez. “Ninguén discute que se trata dunha dotación imprescindible, reclamada dende hai anos pola veciñanza do lugar e que presta un servizo de primeira orde non só aos residentes na zona senón tamén aos peregrinos, ao estar situada ao pé do Camiño Primitivo. Pero entre non poñer nada e instalar un mausoleo, cremos que hai diferenza”.

O edil do Grupo Municipal entende que a imaxe pomposa e recargada coa que acabou tomando forma o manancial resulta pouco apropiada en todos os contextos posibles.

“Á falta de coñecer o seu custo, xa só esteticamente nos parece excesiva e desproporcionada”, sinala Álvarez Arias en alusión ao volume dos bloques de granito que compoñen a estrutura, e que chegan a alcanzar os tres metros de altura.

“Non pode ser que no 75% dos núcleos do concello non exista sequera abastecemento e que os poucos investimentos que o executivo destina ao rural se dediquen, precisamente, a unha obra de semellante opulencia que, aínda por riba, desentoa coa contorna na que se atopa. Semella unha tomadura de pelo”.

O concelleiro pide tamén outras aclaracións. “Gustaríanos que o goberno nos explicara cal foi o prezo da intervención pero tamén qué criterios técnicos se empregaron para decantarse por este material e por este modelo concreto de fonte e non por outro, máis modesto ou menos sustuoso. A cántas empresas lle solicitaron presuposto para executala e cal foi o ditame da Dirección Xeral de Patrimonio  que, entendemos, foi preciso emitira o correspondente informe”. Preguntas, todas elas, que a formación trasladará mañá á Comisión de Infraestruturas.