Lugonovo denuncia o abandono da área infantil do polígono das Gándaras

O que empezou sendo unha zona dotacional e de esparexemento cidadá é agora unha estepa.

As áreas infantil e biosaudable do polígono das Gándaras esmorecen invadidas pola vexetación e cubertas de lixo sen que, nin a empresa que se encarga do mantemento destes espazos nin tampouco o goberno local, reparen nelas.

“O revestimento sobre o que se asentan os elementos de xogo e xigmnasia desapareceu baixo a maleza e unha mestura de toxos e desperdicios circunda o mobiliario urbano dificultando a súa accesibilidade e utilización”, advirte Víctor Álvarez.

O edil de Lugonovo denuncia a imaxe desoladora que ofrece o parque, principal evidencia de que hai moito tempo que ninguén se ocupa, nin preocupa, da súa conservación.

“¿Cantos meses fará que a adxudicataria que ten encomendadas estas tarefas non pasa por aquí? – pregunta o concelleiro  – E o que é peor, ¿como é posible que o executivo nin sequera sexa consciente de que a contorna se atopa nesta situación?, porque o contrario só confirmaría que semellante desleixo goza da conivencia institucional”.

Álvarez Arias insta ao equipo de goberno a reaccionar e ordenar a limpeza e acondicionamento da devandita superficie. “Trátase dun investimento recente, que apenas puido ser amortizado pola veciñanza antes de que se botara a perder. O seu aspecto hoxe traslada a consideración que os dirixentes políticos teñen co gasto público e, o que nos resulta máis lamentable, co feito de que os usuarios se vexan obrigados a desfrutrar do seu ocio rodeados de xestas e de bolsas de plástico; toda unha mostra da máxima que tanto proclaman: primeiro as persoas” afea o edil da formación.