Lugonovo alerta da relaxación coa que o goberno asume a supervisión do parque inmobiliario da cidade

Unha medianeira sen rematar separa o edificio número 133 da Ronda da Muralla da sede de Obras Públicas. “Exemplo de fealdade urbanística que o goberno, anunciou hai máis de dous anos, combatería cunha intervención artística sobre a fachada, pero pola que aínda seguimos agardando”, sinala Cristina Pérez Herráiz.

A portavoz de Lugonovo explica que no pasado Pleno de febreiro de 2016, a propia alcaldesa referiu, durante o debate dunha proposición relativa a corrixir a estética que presentan numerosas construcións inacabadas, a inminente actuación sobre esta vivenda. Transcorrido todo este tempo, a formación pregúntalle ao goberno por qué aínda non se levou a cabo a devandita mellora e cales foron os impedimentos que imposibilitaron executala.

“Gustaríanos saber en qué consiste exactamente a obra proxectada, que en palabras da rexedora rondaba os 7.400 euros de orzamento e contaba ademais co visto bo da comunidade de veciños, tendo en conta que só a súa tramitación burocrática está a necesitar máis de 26 meses de preparativos”, apunta a voceira.

O Grupo Municipal lembra que en novembro de 2016 foi Lugonovo quen propuxo á Corporación diminuír a mala imaxe que reflictían os inmobles en ruína, mediante a instalación de lonas ou murais decorativos. “Unha iniciativa sobre a que non se deu nin o primeiro paso”, lamenta Pérez Herráiz.

“A mala xestión do executivo non só está a provocar a parálise absoluta da administración local senón que tamén conleva á relaxación institucional en funcións tan importantes como pode ser a supervisión e control do estado de conservación no que se atopa o conxunto de edificacións da capital. Doutra forma non pode entenderse, por poñer outro exemplo, que un inmoble tan emblemático como o da antiga Telefónica estea perdendo continuamente parte do seu revestimento, co conseguinte perigo para a seguridade cidadá, sen que se lle esixa aos propietarios que tomen responsabilidade no seu mantemento e reparación”, conclúe a portavoz.