Lugonovo detecta risco contaminante no antigo vertedoiro de Teixeiro

Lugonovo alerta da situación na que se atopa o antigo vertedoiro de Teixeiro pola saturación de lixiviados que soporta e que rebordan sen control nunha leira próxima.

A formación denunciara en abril de 2017 que, trala roza da parcela, quedaron ao descuberto ducias de arquetas que supoñen un perigo físico e tamén medioambiental; e, xa naquel momento, pediu, entre outras medidas, que se precintaran e se analizara a auga que conducían.

 “Sen embargo, a única solución que aportou o goberno foi a de tentar tapar estes sumidoiros cos pneumáticos que se amorean espontaneamente no recinto”, explicaba hoxe Víctor Álvarez, “unha medida que dista moito de resolver o problema. Porque na actualidade estas tubaxes seguen sendo un foco de accidentes e de toxicidade”.

O edil de Lugonovo relatou, durante o Pleno desta mañá, que o depósito ao que conducen as canalizacións está ao límite da súa capacidade e verte, ao aire libre, nun soar que linda cos terreos, ao que é imposible acceder pola envergadura da maleza que contén.

“As silvas deben rondar os dous metros e non permite comprobar a magnitude da fuga pero cómpre subliñar que, por pequeno que sexa o escape, resulta altamente prexudicial para o ecosistema ao tratarse de substancias moi contaminantes que posiblemente conteñan unha elevada concentración de metais pesados, de sales disoltas como sulfatos, cloruros ou bicarbonatos e mesmo de nitróxeno amoniacal. Puro veleno!”, advirte Álvarez Arias.

O concelleiro lamenta que a limpeza e acondicionamento da zona, na que a administración local vén de investir ao redor dos 10.000 euros, non estivera acompañada doutras actuacións que garantan a salubridade na contorna.

“Non podemos esquecer que estas derramas van parar ás concas subterráneas e polo tanto urxe saber qué compoñentes arrastran e se as intalacións seguen estando operativas para facer un tratamento efectivo das mesmas. Por iso, interpelaremos ao executivo, ao respecto, nas próximas Comisións coa fin de que explique tamén que intervencións ten previsto desenvolver para corrixir as referidas deficiencias”, conclúe Víctor Álvarez Arias.