Lugonovo pide recuperar a súa proposta para acadar unhas festas libres de sexismo

Tras coñecerse a condena á coñecida como “Manada”, Lugonovo pídelle ao goberno que, agora máis ca nunca, faga un esforzo na loita e prevención deste tipo de violencia e recupere a proposición da organización para acadar unhas festas libres de sexismo durante o próximo Arde Lucus.

“En setembro pasado trasladamos ao Pleno unha iniciativa para que o Concello elaborase unha campaña específica, orientada a combater as agresións sexuais durante os festexos. Malia o acordo unánime da Corporación, o único que fixo o executivo o pasado San Frolián foi colocar varios panfletos na caseta correspondente á Oficina de Información, pero nada máis”, laméntase a portavoz do Grupo Municipal.

“Un xesto raquítico, que tivo unha escasísima repercusión e que non se axustaba, en absoluto, á nosa proposta”, lembra Cristina Pérez Herráiz.

Lugonovo plantexaba a colaboración dos diferentes colectivos da cidade para o deseño e posta en marcha de medidas de sensibilización que contribuísen a evitar comportamentos humillantes ou vexatorios contra a liberdade sexual e a identidade de xénero durante as celebracións patronais.

“Todo o esforzo municipal reduciuse a imprimir unha tirada, por certo ben reducida, de carteis con mensaxes en contra do acoso machista, que estiveron expostos nalgunhas dependencias do Concello e, para iso, non en todas”, reprocha a voceira quen, no seu día, xa elevara unha queixa por esta cuestión ao Foro de Igualdade.

“O acontecido durante os Sanfermíns de 2016 foi, no seu momento, un revulsivo para que tanto as administracións como o movemento asociativo iniciaran unha batalla, en moitas localidades, contra os abusos. Agora tócalle o turno a Lugo e máis depois do axuizamento que tiveron os feitos e que en tódalas cidades, incluída a nosa, atopou un amplo rexeitamento social ante o rango das penas impostas”, di Pérez Herráiz.

“Mentres a xustiza siga sendo patriarcal, feita por homes e para defender aos homes, o resto de entidades e organismos públicos debemos facer un esforzo extra que o contrarreste, por iso lle pedimos á edil de Benestar que, desta volta, mude a improvisación pola previsión e aproveite o tempo para preparar un dispositivo eficaz e acorde ás circunstancias”.

Entre outras ferramentas, a agrupación suxire elaborar protocolos de vixilancia, a creación de mensaxes ou eslóganes, a elaboración de cartelería, folletos e guías dos recursos dispoñibles, así como a implicación do sector hostaleiro para que colabore na súa difusión.