Lugonovo propón iniciar xa a planificación das obras de mantemento anual nos centros de ensino público da cidade

Lugonovo propón adiantar ao último trimestre a planificación das obras de mantemento anual que precisan os centros de ensino público da cidade, coa fin de iniciar a súa execución en canto comece o verán.

“A partida do Plan Mellora, que dá cobertura a estas reparacións, esgotouse xa nos primeiros meses do curso – explica Victoria Esteban Riesco – de forma que, en moitos colexios, só puideron solucionarse as necesidades máis urxentes pero moitas outras quedaron sen resolver á espera dos novos orzamentos. Agora que os presupostos xa están dispoñibles, dende Lugonovo cremos que é momento para programar todas estas actuacións pendentes e organizalas en tempo e forma para que as intalacións estean debidamente acondicionadas tralas vacacións, cando abran, de novo, as súas portas”.

A edil da formación cre tamén que esta é a data axeitada para comezar a xestionar as axudas correspondentes ao material escolar para o exercicio seguinte. “A medida obedece – segundo Esteban Riesco-  á demanda das familias de poder dispoñer dese diñeiro cando realmente precisan facer fronte aos gastos que implica, para os fogares, a volta ás clases e tendo en conta que a prestación outorgouse, nesta convocatoria, con moito atraso”.

“Desa maneira garantiríase ademais que a subvención se emprega para o fin que foi creada”, advirte a concelleira, “evitando que os pais teñan que facer un desembolso  en setembro, necesario por outra banda, para que os seus fillos poidan incorporarse á actividade lectiva coas ferramentas precisas”.

Victoria Esteban considera que “adiantar a tramitación ao intre no que remata o prazo de matrícula permitiría avanzar no proceso aínda que o período de solicitude non peche ata setembro, coa incorporación dos novos escolarizados. En calquera caso, o que agardamos é que se subsanen os defectos que provocaron as demoras sufridas en 2017, para que non se repitan en sucesivas ocasións”.

Lugonovo suxire, asemade, aumentar o número de reunións do Consello Escolar Municipal para abondar na comunicación entre a institución local e a comunidade educativa co obxecto de dar maior soporte as súas reivindicacións, iniciativas e preocupacións.