Lugonovo pedirá en Pleno o rexeitamento da Corporación á sentenza da Manada

Lugonovo trasladará unha proposición ao vindeiro Pleno para solicitar que a Corporación amose o seu rexeitamento á sentenza que condena ao grupo coñecido como “a Manada”, así como á interpretación legal realizada, ao respecto, polos maxistrados da Audiencia de Navarra.

“A noite do 7 de xullo de 2016, durante a celebración dos Sanfermíns en Pamplona, cinco  homes violaron e vexaron a unha moza de 18 anos, á que posteriormente lle furtaron o móbil para evitar que pedise axuda” – lembra Cristina Pérez Herráiz. “Evidentemente SI existiu intimidación e SI se trata dunha agresión sexual, non dun abuso”.

A portavoz do Grupo Municipal cre que, durante todo o proceso, a vítima foi cuestionada por parte dos maxistrados e humillada e xulgada cos argumentos máis machistas. “Mesmo tentaron introducir como proba da inocencia dos agresores que a moza refixo a súa vida”, refire.

A formación considera lexítimas as críticas e as mobilizacións sociais contra o fallo, por entender que a moza estaba manifestamente intimidada e sen capacidade algunha para defenderse. “Os prexuízos aos que esta rapaza se enfrontou durante o xuízo non teñen cabida nun Estado de Dereito construído ao amparo da igualdade e da non discriminación. Porque, aínda que o delito de violación sufriu grandes cambios nos últimos anos, a ampla marxe interpretativa deixouna nas mans dunha discrecionalidade xudicial que, neste caso, errou de maneira evidente”, di Pérez Herráiz.

“Ante esta realidade, debemos denunciar o feito de que as mulleres sigamos sendo dobremente vítimas: por parte dos agresores e por parte dunhas institucións asentadas no patriarcado e na criminalización das agredidas. Por iso, trataremos de acadar o apoio de tódolos grupos do Concello para instar ao Goberno e ás Cortes a desenvolver as políticas que, no eido dos delitos contra a liberdade e a indemnidade sexuais, equiparen normativamente a ausencia de consentimento coa súa negativa”.

Lugonovo aposta, asemade, por introducir ou intensificar, tamén no ámbito municipal, a perspectiva de xénero para garantir un sistema máis xusto e democrático ás mulleres que residan nel, promovendo instrumentos de concienciación social que sirvan para educar na igualdade e na liberdade das persoas.