Lugonovo rexeita a Ordenanza de Civismo

Lugonovo non apoiará a ordenanza de civismo por considerar que abonda nunha regresión democrática, que ten afán represivo e recadatorio e que redunda en supostos que xa se preveen na lexislación xeral.

“O goberno local vén de propor un borrador que choca, a noso xuízo, co sentido común e co sentido da realidade, en tanto supón un retroceso na convivencia cívica e un  grave recorte de liberdades persoais”, di a portavoz do Grupo Municipal.

A formación destaca que se trata dun documento prohibitivo e punitivo baseado en “castigar e multar” pero sen resolver verdadeiramente as problemáticas que aborda “e que esixen, sobre todo, medidas de tipo social e asistencial, mesmo de organización económica e de divulgación e concienciación cidadá”, subliña Cristina Pérez Herráiz.

A voceira tamén refire que moitos dos comportamentos que pretende regular xa se atopan recollidos na lexislación xeral. “O Código Civil conta con case 2000 artigos e  o Código Penal con outros 600, nos que figuran case todas as continxencias que se contemplan na proposta. Esto supón que a policía dispón dun amplo abano de posibilidades para exercer unha acción tanto preventiva como sancionadora. Se a isto lle engadimos a existencia das propias ordenanzas municipais, a lexislación tributaria, a laboral e a da Seguridade Social, as leis da saúde, do comercio, do medio ambiente, etc completamos un panorama proteccionista de máis”.

Pérez Herráiz aposta porque o marco legal vixente se oriente á persecución da transgresión, “nunca á restrición de actos cotiás como pode ser mesmo tender a roupa. Sen embargo o borrador facilitado polo executivo outorga valor probatorio as aseveracións policiais e instaura sancións desproporcionadas con relación ao prexuízo que ocasionan os feitos que se queren impedir e que, supoñen, na maior parte das veces, unha mera declaración de intencións dada a constatada insolvencia dos potenciais infractores”.

Se ben, dende a agrupación cren que existen asuntos que fan plausible a intervención pública, como pode ser a protección do patrimonio, disuadir do vandalismo, etc… tamén atopan necesaria a consideración de reservas garantistas para a poboación, “para que estas enmarquen a actuación policial, requirindo algo máis que a simple interpretación dos axentes para validar como proba; e acompañado dun plan real para a atención de persoas e colectivos que teñen na rúa, na publicidade, na venda ambulante, na prostitución ou na mendicidade o seu medio de vida. Ata que esto sexa así – conclúe a portavoz –  Lugonovo non pode dar o seu visto bo a unha pretensión normativa que consideramos esaxerada, maximalista e innecesaria para a sociedade luguesa actual”.