Veciñanza, representantes políticas e persoas expertas danse cita no barrio da Residencia nunha nova edición das Urbes Habitables de Lugonovo

A terceira edición das xornadas Urbes Habitables de Lugonovo centrarase nesta ocasión no barrio da Residencia. Mediante esta iniciativa Lugonovo volve achegarse ás problemáticas específicas dos barrios de Lugo promovendo un intercambio de opinións, vivencias e experiencias entre a veciñanza que reside na zona, persoas expertas en varias disciplinas relacionadas co urbanismo e os servizos sociais, e aquelas que exercen a representación pública en espazos municipais ou nacionais.

“Urbes Habitables: a Residencia” terá lugar no local social de Caixa Rural Galega na rúa Doutor Ochoa 1 desde as 11 da mañá do sábado 5 de maio. Esta edición estrutúrase, de maneira semellante ás anteriores, en tres bloques.

O primeiro deles, “O Barrio da Residencia na búsqueda dunha nova identidade” acollerá intervencións centradas no urbanismo, a cargo de Jorge Gómez Cereijo e Manuel López Guitar, membros do Gabinete de Arquitectura e Urbanismo (gaU).

A segunda parte das xornadas leva por nome “ A Residencia: urdindo comunidade” e céntrase no barrio desde unha perspectiva social e de servizos. Neste bloque intervirán a traballadora social Marisé Fernández Méndez e o médico Bernardino Pardo Teijeiro.

Como xa aconteceu na Tinería e na Milagrosa, a veciñanza contará cun bloque onde expoñer a súa perspectiva e opinións. Baixo o título “Porta con porta: o reto da veciñanza” intervirán Veli Sánchez Freire e Rafael Fernández Ferreiro, residentes no barrio que compartirán unha visión en primeira persoa.

As xornadas contarán tamén coas intervencións da portavoz municipal de Lugonovo Cristina Pérez Herraiz e de Luís Villares Naveira, portavoz de En Marea.