Lugonovo denuncia que o goberno gastou máis de 3000€ nunha marquesiña pola que non pasa o bus

Por Lamas de Prado circulan os autobuses das liñas 4, 5, 4E e E14A, pero todos pasan de largo, e en dirección contraria, pola nova marquesiña que, hoxe fai un mes, instalaba o goberno a altura do número 261.

“3.254 euros foi o investimento que precisou esta dotación que, ata o momento, só serve de zona de descanso a cuberto para os peóns que camiñan pola contorna porque, o que é o transporte público nin sequera ten retorno por esa rúa, senón por Casás, Trapero Pardo ou Aquilino Iglesias Alvariño”, explica a portavoz de Lugonovo.

Cristina Pérez Herráiz anuncia que a formación preguntaralle ao executivo qué sentido tivo colocar a infraestrutura nese enclave e non en fronte, onde se atopa a actual parada só sinalada cun poste “e, para iso, en moi malas condicións de conservación. Non sabemos se houbo algún impedimento técnico para poñela onde realmente é útil, ou se se tratou dunha cuestión estética, ou mesmo se esta curiosa ubicación responde á remodelación de percorridos prevista para o bus urbano e que a alcaldesa aínda non presentou, un ano despois de anunciala. Pero o feito é que a falta de interese deste equipo de goberno no seu labor estalle a saír cara aos lucenses cando remata en despropósitos deste calibre”.

A voceira lamenta que unha intervención coma esta, de pouco custo económico pero de gran transcendencia para a veciñanza, remate sendo un “malgaste” de recursos públicos por unha errada planificación. “Esto non tería pasado cun pouco máis de implicación por parte dos responsables políticos. Mágoa que o executivo só atope a ilusión de traballar por Lugo á hora de presentar grandes xestas como a pasarela sobre o Anxo Carro, que cun orzamento estimado de case un millón de euros seguramente dea, en propoción, menos servizo á poboación que esta marquesiña”, conclúe Pérez Herráiz.