Lugonovo promove unha reunión de toda a oposición para abordar cómo atallar o atraso das licenzas urbanísticas

Lugonovo vén de propor ao resto da oposición celebrar mañá un encontro, para “obrigar” ao equipo de goberno a tomar medidas que axilicen a tramitación das licenzas urbanísticas.

Logo de reunirse hoxe con representantes dos promotores e dos colexios de arquitectos, aparelladores e enxeñeiros, a voceira do Grupo Municipal considera que non se pode perder nin un minuto máis sen abordar esta problemática dunha forma conxunta e resolutiva.

“Acabamos de trasladar aos demais partidos da Corporación a urxencia de aunar esforzos para artellar as actuacións precisas que desatasquen os atrasos que están a frear a autorización de todo tipo de obras. Non se pode consentir que se tarde dous anos en abrir a carpeta dun expediente”.

Para Cristina Pérez Herráiz estas demoras son o principal síntoma de que a administración local non funciona, “así como da falta de interese do executivo pola cuestión, incapaz, tan sequera, de darlle resposta aos requirimentos que o sector leva trasladado á alcaldía. Mesmo presentaron un escrito no rexistro xeral o pasado 15 de marzo sobre o que aínda non recibiron contestación. Unha auténtica vergonza”.

“Cremos que a situación supera xa tódolos límites e que a neglixencia do goberno está a comprometer e mesmo poñer en perigo a dinamización económica do Concello. Cómpre rematar dunha vez con esta parálise e por iso a oposición, consciente da gravidade das circunstancias, manteremos unha xuntanza, mañá ás dez, na que estudar as posibles vías para darlle solución a este despropósito”, explica Pérez Herráiz.

Este é a segunda vez que Lugonovo denuncia publicamente o malestar do empresariado lucense por este mesmo motivo, tras entevistarse con integrantes da CEL o pasado 19 de abril.