Lugonovo propón que as agrupacións locais se fagan co protagonismo do programa de San Froilán

A portavoz de Lugonovo congratúlase de que o goberno teña “aprendido dos erros do pasado e agora estea disposto a corrixir todas aquelas deficiencias que, dende a oposición, xa detectamos dende o primeiro momento no que se publicaron os pregos para a explotación das casetas do polbo, en 2016”.

Cristina Pérez Herráiz amosa a súa satisfacción porque o executivo vaia incorporar ás bases do contrato aspectos como os que a formación viña reclamando hai tempo: a obrigatoriedade de contar con experiencia no sector e a inclusión de garantías económicas para a administración en caso de renuncia dos adxudicatarios antes da formalización da concesión.  

“Que non se aproveitara o ano pasado para introducir xa estes requisitos, tal e como llo solicitamos, supuxo un exercicio perdido e outra vergonza máis para a institución tendo en conta a deriva que, en 2017, tomou o proceso de licitación das instalacións que deixaba dispoñible Bruxa Consulting”, lembra a voceira. “Agardamos que a partir deste momento non volva suceder nada parecido”.

Pérez Herráiz facía estas declaracións tras asistir á Comisión do San Froilán celebrada esta mañá e na que Lugonovo achegou varias propostas, comezando por dar un xiro ao propio pregón co que arrancan as celebracións, facendoo teatralizado.

A portavoz de Lugonovo, Cristina Pérez, apostou tamén por incrementar a participación das asociacións locais no deseño e desenvolvemento dos actos culturais.

“Gustaríanos que foran unas festas para todos e a gusto de todos e cremos que, ademais, existe na cidade un amplo elenco de artistas e de agrupacións con propostas interesantes e variadas, tanto no ámbito das artes escénicas como da música, que o permite. Do mesmo xeito, consideramos que o que debe primar nos concertos ou actuacións máis relevantes dentro do programa sexa a súa accesibilidade: que se fagan a prezos populares para que toda a cidadanía poida desfrutalas en igualdade de condicións”, conclúe.