Lugonovo propón poñer en marcha un Plan Integral de Pastoreo Urbano

Poden con todo: céspede, malas herbas, silvas e toxos. E chegan a calquera lugar. Son rápidas, silenciosas e resistentes. Sen necesidade de programalas se desenvolven con autonomía e soltura nos terreos máis inhóspitos. Completan a paisaxe natural, sendo a alternativa á química sintética e, de paso, fertilizan.  Estas modernas “biosegadoras” non son máis que as cabras e as ovellas que Lugonovo suxire empregar como as novas xardineiras do concello.

A formación proporá no vindeiro Pleno a posta en marcha dun Plan Integral de Pastoreo Urbano.

”Consiste en que o mantemento das zonas verdes municipais sexa realizado por cabras, ovellas, cabalos e incluso gando vacún”, explica Víctor Álvarez Arias. “Unha aposta política por outro modelo de xestión diferente que pretende conciliar a conservación da contorna co respecto ao medio ambiente, aumentando a calidade de vida da poboación”.

O edil refire varias das súas vantaxes. “Trátase dunha solución limpa, que aproveita o comportamento cotiá destes animais.  Só cos seus hábitos alimentarios contribúen a minimizar o risco de incendios nos montes e reducen a utilización de substancias contaminantes, como poden ser os produtos fitosanitarios. Ademais diminúen as molestias ocasionadas polos ruídos que emite a maquinaria, ao substituíla, e favorecen a fertilización, sendo un recurso adicional para o mantemento da actividade agraria”.

As cifras falan por sí soas. “Mentres os apeiros mecanizados emiten ate 1.200 kg de Dióxido de Carbono por hectárea, unha soa ovella é capaz de secuestrar, de media, ata 70 kg de CO2 na mesma superficie – indica Álvarez Arias, co conseguinte beneficio ecolóxico que comporta. Tamén entrañaría un aforro económico importante, tendo en conta que os prezos de mercado apuntan a un custo mínimo de medio euro polo mantemento anual dun metro cadrado de terreo, no canto dos 3 céntimos que vale ter a unha ovella ou a unha cabra a pleno rendemento”.

Espazos como os cinturóns do Miño e do Rato, as parcelas sen urbanizar de polígonos como o de San Fiz ou as Gándaras son algúns dos escenarios que Lugonovo cre susceptibles de acoller esta práctica. “O estado de abandono no que se atopan estes e outros enclaves da capital provoca frecuentes queixas da cidadanía. E a escaseza de medios ou a situación de alegalidade na que se atopan moitos dos contratos públicos, así como a falta de dilixencia do executivo enlentece a resolución destas demandas. Artellar unha sorte de convenio ou protocolo con algunha entidade, como o que ao principio do mandato ofertou Ovica, podería resolver as eivas de coidados e conservación evidentes das que adoece boa parte da cidade dunha forma sustentable e rendible”, sinala Víctor Álvarez quen destaca que “nestes momentos moitas rexións europeas como Berlín, Turín, Roma ou Francia, no Arquivo de París ou no Bosque de Bolonia, xa contratan os servizos destas incansables traballadoras para acondicionar os xardíns públicos. ¿Por que non o ímos facer nós?”, conclúe o concelleiro de Lugonovo quen considera que a medida contribuiría, igualmente, a poñer en valor o sector gandeiro e o rural nun contexto urbano.