Lugonovo cualifica de simple declaración de intencións o proxecto de carril bici para a contorna do Dusi

“Moito ruído e poucas noces”. Así é como valora, inicialmente, a portavoz de Lugonovo o proxecto de carril bici para a zona de cobertura do Dusi, presentado esta mañá polo goberno municipal.

“Non deixa de ser outro propósito máis, coma todo o anunciado dende o inicio do mandato, pero igual que o resto de intervencións, sen visos de concretarse nin de materializarse a curto prazo”, di Cristina Pérez Herráiz.

A falta de estudar en detalle a documentación facilitada hoxe polo executivo e, compartindo a necesidade de dotar á capital dunha infraestrutura tan reivindicada pola súa veciñanza coma esta,  a voceira do Grupo Municipal subliña que a proposta “non pasa por ser outra cousa máis que unha idea, sen ningún tipo de aval técnico que garanta vai contar cos permisos autonómicos precisos, tendo en conta que non dispón de ningún informe de Patrimonio que a valide”.

“É dicir, unha nova declaración de intencións – lamenta Pérez Herráiz – que, ata que se converta en realidade aínda pode variar por completo, cando o que verdadeiramente precisamos é que se efectivice algo do que se promete. Os estacionamentos disuasorios, a ampliación das prazas dos parkings, a cuberta de Quiroga Ballesteros e a súa peonalización, o desdobramento de Infanta Helena… todas seguen sendo actuacións no aire, despois de varios anos agardando. E moito nos tememos que este carril bici leva camiño de correr a mesma sorte”, conclúe a portavoz de Lugonovo.