Lugonovo advirte que os hortos urbanos municipais aínda non se entregaron o que mermará o seu aproveitamento, este ano, até o 20%

A piques de rematar o período de plantación de verduras e hortalizas, os hortos urbanos municipais seguen sen entregar.

33 parcelas que, a este paso, botarán un ano enteiro desaproveitadas, rendendo, como moito, ao 20% debido á tardanza en cedelas para a súa explotación.

“A penas quedan un par de semanas, se quedan, para poñer a maior parte dos vexetais que se consumen durante todo o ano. Leitugas, cenorias, cebolas, pementos e tomates, xudías, chícharos, berenxenas, calabacín ou acelga … deberan, senón estalo xa, cultivarse agora porque, nuns días, nin sequera se comercializarán as plantas nas tendas”, advirte Víctor Álvarez.

“A este paso, cando se empece a traballar esa terra xa só se poderán sementar nela os repolos, coles e berzas, algo de espinaca e porro. E resulta un desperdicio de posibilidades e recursos, porque unha ensalada comémola todos os días, pero unha coliflor non”.

O edil de Lugonovo lamenta que as demoras na entrega dos hortos vaian condicionar a súa produtividade e, ademais de preguntar polos motivos desta dilación, o Grupo Municipal trasladará, nas vindeiras Comisións, varias propostas para poñer en valor o rol social e sostible destes espazos.

“Para comezar, o Concello podería organizar actividades didácticas como cursos ou obradoiros, que combinen a formación e a concienciación, sobre, por exemplo, a elaboración de composteiros ou as alternativas aos produtos fitosanitarios, aos abonos químicos e ás enerxías fósiles, o que redundaría na difusión de boas prácticas medio ambientais pero tamén nunha mellora da saúde”, suxire Álvarez Arias.

Para o concelleiro resulta igualmente importante a divulgación destes terreos agrícolas e os seus beneficios, para o que propón crear un blog ou un apartado específico dedicado a eles, dentro da web municipal, con información sobre coidados, técnicas, calendario de plantación, etc… así como organizar reunións abertas entre os horticultores, visitas escolares e mesmo algún tipo de certame expositivo no que se recoñezan as parcelas cunha presentación máis coidada ou cos mellores produtos.

“Trátase de visualizalos, de dignificar o seu papel e de motivar á veciñanza a solicitalos en vindeiras convocatorias. Tamén dá pé a promover outro tipo de accións como a creación de xardíns comestibles, que mesturen as especies aromáticas cos vexetais para que exerzan, asemade, unha función ornamental e paisaxística dentro da cidade. Incluso poderíanse convidar aos centros xeriátricos a implatalos como unha ocupación máis para os seus usuarios, tanto lúdica como terapéutica, tendo en conta, ademais, a procedencia rural de moitos deles”, abonda Víctor Álvarez Arias.

“Sería unha mágoa non sacarlle máis partido a estes hortos, ao investimento que supuxeron e á versatilidade da que dispoñen”, conclúe o edil.