Lugonovo lamenta que o PP se negue a recoñecer por igual ás vítimas da violencia política e ás do terrorismo

Lugonovo vén de refusar a proposición do PP relativa ao anuncio do final de Eta, despois de que o Grupo Municipal do Partido Popular rexeitara incorporar ao texto do acordo un punto para equiparar o recoñecemento das vítimas do terrorismo ao resto de vítimas da violencia política.

“Cremos un erro obrigar a distinguir entre unha e outra violencia, entre unhas e outras vítimas, e moito máis equivocado aínda a pretensión de arrogarse a representación de colectivos que contan co apoio de toda a sociedade.  É tamén un desatino tentar clasificar ás opcións políticas democráticas entre as que defenden o traballo dos corpos e forzas de seguridade do Estado e supostamente outras que non o farían. Lugonovo cre firmemente no papel das policías ao servizo da cidadanía pero sempre en escrupuloso cumprimento dos mandatos democráticos e constitucionais, sen máis implicacións partidarias e co respecto máximo á vida e aos dereitos humanos”, afirmou durante o seu discurso Cristina Pérez Herráiz. 

En base a isto, e na procura de entendementos que superen as mecánicas do odio, Lugonovo solicitaba incluír, dentro da moción e a través dunha emenda, un apartado no que se instara “a tódalas administracións a recoñecer ás vítimas da violencia produto da loita política así como ás súas asociacións, e a ter en conta as propostas para restituír os dereitos, o honor e procurar a localización física das persoas desaparecidas, dende o golpe de estado franquista e como consecuencia da violencia policial, do terrorismo institucional e das condenas xudiciais contrarias a calquera perspectiva democrática”.

“Un engadido – explica a portavoz –  que o Partido Popular desbotou dende o primeiro momento e que motivou, pola nosa parte, un posicionamento contrario ás súas pretensións”.

Lugonovo rexeita, en todo caso, o uso da violencia e aspira a unha sociedade que, en paz, procure a mellor organización da convivencia.  A formación amosa igualmente a súa satisfacción pola desaparición de ETA. “Trátase, sen dúbida algunha, dunha boa nova que tardou moito, mais que é ben recibida e oportuna.  Este elemento, xunto con outros, a restitución contida na Lei de Memoria Histórica, as propostas honestas de confrontación política democrática e leal e a loita pola igualdade, están máis cerca hoxe, coa disolución da banda armada. Cremos axeitado que os dereitos das vítimas teñan unha primordial atención, pero tamén consideramos que estes dereitos deben ser extensibles a tódalas vítimas”, conclúe Pérez Herráiz.