Lugonovo pide a posta en marcha dun plan de coidados do mobiliario urbano

Lugonovo pídelle ao goberno que poña en marcha un plan de coidados e mantemento do mobiliario urbano, especialmente nas zonas verdes da capital.

“Papeleiras, bancos, xardineiras… presentan un estado de conservación moi deficiente e reflicten unha apariencia de desleixo que en nada convida á cidadanía a desfrutar dos espazos públicos”, indica a portavoz do Grupo Municipal.

Cristina Pérez Herráiz fai especial fincapé na falta de aseo e limpeza da que adoecen estes elementos. “Moitas das papeleiras precisarían directamente dunha renovación. No propio parque de Rosalía de Castro, un dos xardíns de referencia do concello, a maioría son moi vellas e xa están estragadas até o punto de que verten parte dos residuos que se desbotan nelas, polo que tamén resultan ineficaces”.

Cuestión sinalada para a formación é a falta de previsión no acondicionamento dos bancos. “Parece que o executivo non reparou aínda no desgaste que presentan a meirande parte dos sentadoiros da cidade, ben polo seu avellentamento, polo uso, ou polos efectos da climatoloxía e que se traslada nunha considerable falta de verniz, na rotura das láminas ou no enferruxamento das súas estruturas”, sinala a voceira.

“A esto cómpre engadir que, especialmente nestas datas, e pola ausencia de atención, moitos destinguen do verdello que acumularon durante todo o inverno, ensuciando aos usuarios. Algo que non ocorrería cun mínimo de supervisión e planificación, instando á empresa concesionaria destes traballos a que leve a cabo a debida posta a punto da moblaxe”, conclúe Pérez Herráiz ao tempo que apunta que a programación destas tarefas contribuiría a prolongar a vida útil de todas estas pezas e a mellorar a imaxe do municipio.