Lugonovo tacha de parca a campaña municipal contra as agresións sexistas nas festas locais

Lugonovo considera insuficientes as medidas deseñadas polo goberno para evitar agresións sexistas durante as próximas festas do Arde Lucus.

Trala reunión do Foro de Igualdade celebrado esta mañá e na que se deu a coñecer o contido da campaña, a portavoz do Grupo Municipal cualificou as accións planificadas polo executivo como un remendo e non como a aposta definitiva solicitada pola formación no Pleno do pasado setembro, para que a administración local combata firmemente a violencia machista.

“Catro carteis, unha guía de recomendacións e un reparto de chapas semellan máis ben unha actuación publicitaria e non un compromiso decidido por rematar cos ataques sexuais durante as celebracións populares”, advirte Cristina Pérez Herráiz.

A voceira de Lugonovo cre que o feito de manter abertas até as tres da madrugada a Casa Consistorial e o Centro de Convivencia Uxío Novoneyra non contribuirá en nada a disuadir destes comportamentos nin servirá de axuda ás súas vítimas.

“Para empezar, ámbalas dúas dependencias están afastadas das zonas de botellón. O máis axeitado, para Lugonovo, sería ter analizado cales son os puntos negros do feiral, onde é máis probable que se produzan este tipo de condutas intimidatorias, e ubicar alí varios estands atendidos por persoal específico. A pesar da vontade e da profesionalidade das e dos ordenanzas que permanecerán de garda nestes edificios, cremos que deberían ser técnicos, cualificados ao respecto, os que atendan as denuncias. Botamos en falta tamén a preparación dun protocolo que recolla o procedemento a seguir cando teña lugar algunha incidencia –   sinala Pérez Herráiz –  porque unha intervención errada pode resultar, incluso, contraproducente”.

A formación propón, asemade, crear unha App para móbil que permita alertar dun posible abuso de forma rápida e eficaz.  “Non se trata de algo irrealizable. De feito a localidade vasca de Durango xa puxo en marcha hai tempo unha aplicación que, unha vez instalada no dispositivo, permite ás mulleres advertir, tanto á Policía como a familiares ou amigos, da  súa localización exacta para que poidan acudir no seu auxilio se perciben unha situación de inseguridade”, refire a portavoz de Lugonovo.

Por outra banda, Cristina Pérez instou á concelleira de Benestar a trasladar aos membros do Foro o borrador da Ordenanza Cívica, onde se abordan cuestións como a prostitución, para que este organismo poida alcalzar unha opinión conxunta e de consenso sobre o documento.