Lugonovo advirte que o goberno está a incumprir a Lei de Contratos

Lugonovo advirte que o goberno local está a incumprir a Lei de Contratos do Sector Público logo de levar sen publicar ningún expediente menor dende o pasado 9 de marzo.

“O texto é meridianamente claro”, sinala Cristina Pérez Herráiz. “Os contratos menores deberán ser rexistrados no perfil do contratante ao menos, trimestralmente con datos sobre o obxecto, a duración, o importe da adxudicación, incluído o IVE e a identidade do adxudicatario, un concepto este último polo que ademais deben clasificarse. Sen embargo, dende o día que entrou en vigor a LCSP non hai nin rastro na páxina web municipal da súa tramitación. ¿Quérenos dicir o executivo que non se xestionou ningún nos últimos tres meses ou será, directamente, que cre poder quedar ao marxe das obrigas legais?”.

Dende a agrupación, a súa portavoz insta á responsable da área económica a axilizar a difusión deste tipo de licitacións. “Non se trata dunha cuestión de vontade política senón dun deber que, coma o resto de administracións, a de Lugo tamén ten que acatar e máis cando unha das finalidades que motivaron a modificación da normativa foi a de mellorar a transparencia, un concepto que, se ve, lle resulta certamente impreciso e complexo de asimilar a este equipo de goberno, que leva dende marzo sen dar razón dos concertos menores que asina, a quén llos outorga, para qué servizos e con qué importe”.

Así, Pérez Herráiz refire que pese a publicarse algúns expedientes, estes se corresponden ou ben con procedementos maiores, ou con outros que, sendo de reducida entidade económica, se formulan, segundo criterio do servizo que os promove, como abertos simplificados coa fin de propiciar a concorrencia. “Nada que ver con outras adxudicacións que se conceden de xeito discrecional e das que non sabemos absolutamente nada como, por exemplo, as aprobadas nos últimos días para as actuacións, as actividades das asociacións e a promoción do Arde Lucus, ou mesmo para a adquisición de mesas de ping pong, as aportacións a premios deportivos ou para a creación dunha zona de autocaravanas preto do MIHL e que, por certo, se trasladou con dilixencia á prensa omitindo que a beneficiaria será, unha vez máis, a empresa Sanle”.

A voceira do Grupo Municipal observa no executivo “un pasotismo absoluto por axustarse a dereito e cumprir co ordenamento xurídico” e lamenta, asemade, o seu afán por “manter na opacidade a xestión do Concello”.

Neste senso, a formación lembra que a alcaldesa aínda non moveu un dedo por constituír a Comisión de Control e Fiscalización das Externalizacións que Lugonovo propuxo en outubro de 2016. “O que demostra, por unha banda, o respecto que lle merecen os acordos plenarios aos que chega a Corporación e, pola outra, a predisposición que ten para dar a coñecer á cidadanía como resolve o Partido Socialista a contratación pública”, conclúe Cristina Pérez.