Lugonovo preguntará polo control sanitario aos produtos de alimentación que se comercializan nas festas

Lugonovo realiza unha valoración positiva do Arde Lucus, salientando o protagonismo que, este ano, tiveron as asociacións dentro do programa das festas así como a idoneidade das novas ubicacións dalgúns dos campamentos.

“Especialmente a Castra parécenos un acerto, xa non só polo atinado de encaixala nun contexto paisaxístico como o do Parque senón tamén porque a amplitude do recinto permite unha visita máis cómoda sen esa sensación de abafo de multitudes que se propiciaba no Casco Histórico”, apunta Cristina Pérez Herráiz.

A portavoz do Grupo Municipal subliña igualmente como vantaxoso o feito de concentrar a oferta gastronómica na Praza de Bretaña, liberando da aparatosidade destas instalacións e doutros aspectos como o cheiro ou as graxas das cociñas, espazos céntricos máis apropiados para a celebración de actuacións que para a elaboración de xantares.

Neste senso, a formación, adianta que nas próximas Comisións interpelará ao goberno para coñecer qué tipo de controis sanitarios se realizan aos alimentos que se comercializan nos distintos postos, qué persoal se encarga de realizalos e con qué periodicidade.

“A inspección resulta sumamente importante en tanto é o garante que teñen os consumidores sobre a trazabilidade e as cualidades de conservación deste tipo de produtos, que permanecen varios días expostos ao público para a súa venda, en condicións de aglomeración e altas temperaturas, polo que lle pediremos ao executivo que informe sobre o seguimento que, dende o Concello, se fai ao respecto”, explica  Pérez Herráiz.

Pola contra, a voceira de Lugonovo destaca algunhas cuestións da celebración que, cre, cómpre mellorar en vindeiras edicións.

“Unha delas é a puntualidade. Moitos dos actos organizados comezan cun mínimo de atraso de media hora o que provoca confusión nos asistentes e os condiciona a acudir a outros espectáculos previstos para o mesmo tramo horario. Tampouco estaría de máis incrementar a ambientación musical polas rúas da cidade e colocar en lugares estratéxicos, como por exemplo ao pé dos distintos asentamentos, algún panel con información sobre as actividades preparadas para esa xornada”, propón Cristina Pérez.

A portavoz suxire, asemade, iniciar antes a promoción das festas para que esta planificación redunde tamén na dos visitantes. “Este ano a concelleira de Cultura presentou o Arde Lucus en Madrid só tres días antes de que comezara. Cremos que a difusión é sempre boa pero que podería sacárselle máis partido se se efectúa con certa anticipación”, conclúe.