Lugonovo propón ao Pleno pular pola recuperación do municipalismo

Pular pola recuperación do municipalismo e reanudar os procesos para acadar que o Concello asuma a xestión directa de servizos como o do guindastre ou o da Ora, acordados pola Corporación. Eses son os dous obxectivos que persegue a proposición que Lugonovo defenderá no vindeiro Pleno do mes de xuño.

Segundo o Grupo Municipal a Lei de Racionalización e Sostibilidade da Administración Local foi a “puntilla” ás políticas de austeridade e aos recortes indiscriminados que, durante os últimos anos, desenvolveu o Executivo central do Partido Popular no conxunto do Estado. “A coñecida como Lei Montoro, amparada baixo o pretexto de garantir a estabilidade orzamentaria elevou ao máximo expoñente normativo este concepto, constrinxindo con tiranía a capacidade de acción das admininstracións públicas, en contra da lóxica dos intereses xerais e do benestar da maioría social”, refire a súa portavoz.

Dende a formación denuncian que a aplicación desta normativa supuxo un retroceso considerable na autonomía dos gobernos locais, “incluídos aqueles que gozaban dunha administración perfectamente saneada e que dispoñían de capacidade para asumir a execución de servizos esenciais para a veciñanza, prestacións que, pola contra, se viron mermadas, en cantidade e calidade, dunha maneira drástica”.

“O número de privatizacións e os custos que tiveron que asumir por elas os entes locais foi crecendo de forma proporcional á asfixia competencial e económica na que quedaron sometidos, o que levou ao municipalismo a unha situación de emerxencia histórica”, asegura Cristina Pérez Herráiz.

Lugonovo considera que, despois de que o pasado decembro o Congreso dera os primeiros pasos para transformar a lei, o novo contexto político que se vén de suceder pode resultar favorable para axilizar o camiño xa iniciado “e cómpre aproveitalo e liderar dende o local todas aquelas iniciativas que permitan recuperar a marxe de decisión que lles corresponde aos Concellos”, conclúe a voceira.