Lugonovo propón potenciar os hortos dos Paxariños cun programa de dinamización

Lugonovo aposta por sacarlle máis partido aos hortos urbanos municipais e aproveitar, ademais da súa versatilidade, o investimento de 60.000 euros feito pola institución local para acondicionar os terreos.

Despois de denunciar o pasado 30 de maio que as parcelas dos Paxariños aínda non foran entregadas aos seus adxudicatarios, o que mermará considerablemente o seu rendemento para este ano, o Grupo Municipal  trasladaba esta mañá varias propostas ao goberno coa fin de poñer en valor o rol social e sostible destes espazos.

“Para comezar, o Concello podería organizar actividades didácticas como cursos ou obradoiros, que combinen a formación e a concienciación, sobre, por exemplo, a elaboración de composteiros ou as alternativas aos produtos fitosanitarios, aos abonos químicos e ás enerxías fósiles, o que redundaría na difusión de boas prácticas medio ambientais pero tamén nunha mellora da saúde”, suxire Víctor Álvarez Arias.

Para o concelleiro resulta igualmente importante a divulgación destes terreos agrícolas e os seus beneficios, para o que propón crear un blog ou un apartado específico dedicado a eles, dentro da web municipal, con información sobre coidados, técnicas, calendario de plantación, etc… así como organizar reunións abertas entre os horticultores, visitas escolares e mesmo algún tipo de certame expositivo no que se recoñezan as parcelas cunha presentación máis coidada ou cos mellores produtos.

“Trátase de visualizalos, de dignificar o seu papel e de motivar á veciñanza a solicitalos en vindeiras convocatorias”. O edil da formación apunta igualmente outro tipo de accións como promover a creación de xardíns comestibles, que mesturen as especies aromáticas cos vexetais para que exerzan, asemade, unha función ornamental e paisaxística dentro da cidade. “Incluso poderíanse convidar aos centros xeriátricos a implatalos como unha ocupación máis para os seus usuarios, tanto lúdica como terapéutica, tendo en conta, ademais, a procedencia rural de moitos deles”, conclúe Álvarez Arias.