Lugonovo alerta de graves deficiencias na piscina cuberta de Frigsa

Lugonovo denuncia que o vaso de maior profundidade da piscina cuberta de Frigsa padece, dende hai tres anos, unha fuga que implica a perda diaria de máis de 5.000 litros de auga.  “E o goberno é consciente da súa existencia pero, ata o momento, non fixo nada por amañala de forma definitiva”, sinala a súa portavoz.

Cristina Pérez Herráiz relata que se non se corrixe, esta situación pode derivar en danos estruturais para o edificio ademais de supoñer un malgasto económico e medioambiental non só pola reposición do líquido que se perde constantemente senón tamén polo seu tratamento químico.

A formación considera “raquítica e moi lamentable” a supervisión e control do executivo ao respecto das condicións nas que permite que se preste o servizo de mantemento nestas instalacións deportivas.

“Partindo de que durante os fines de semana xa non hai persoal que se dedique ao coidado e conservación do recinto, cómpre subliñar que, dende xaneiro, as dependencias estiveron a piques de pechar en dúas ocasións debido a que a calidade do aire resentiuse drasticamente por verter unha cantidade de cloro excesiva coa fin de corrixir as deficiencias que presentaba o estado da auga”, refire Pérez Herráiz.

“Nin sequera a cadeira para somerxer ás persoas con diversidade funcional ou con necesidades específicas de mobilidade funciona con normalidade. Falamos de anomalías moi graves que condicionan a utilización dunha dotación pública e que, ademais de provocar as queixas dos usuarios poden ter severas consecuencias para a súa saúde”.

A voceira do Grupo Municipal anuncia que a formación presentará varias preguntas ás vindeiras Comisións de Pleno para coñecer tódolos datos sobre a fisura que afecta ao vaso, o custo que tivo para as arcas municipais o cómputo de litros vertidos así como os plans que ten o equipo de goberno para arranxalo e para comezar a aplicar outro tipo de substancias menos agresivas e máis seguras que garantan a salubridade da auga.