Lugonovo pregunta cal foi o cambio lexislativo que xa permite contratar persoal aos Concellos

Lugonovo felicita ao goberno por descubrir, logo de tres anos de mandato, que si era posible contratar persoal para axilizar tarefas administrativas e dotar de medios humanos departamentos ou dependencias que precisaban dun reforzo.

A portavoz do Grupo Municipal considera unha boa nova a incorporación de doce funcionarios nas últimas semanas pero pregúntalle ao responsable da área por qué agora foi factible “e non, en cambio, en 2017, nin no 16, nin no 15, cando xa eran máis que patentes as graves carencias que o Concello tiña nesta materia”.

“Levamos 36 meses escoitando que non se podía contratar a ninguén.  A Lei Montoro parecía a única culpable de que a xestión da institución local fose un desastre e, de súpeto, en xuño de 2018, sen ningún cambio normativo de por medio, resulta viable dispoñer de máis traballadores. Estamos moi contentos polos acontecementos pero cremos que deixan patente que os pretextos do Psoe non eran máis ca iso, unha escusa barata e unha tomadura de pelo”, sinala Cristina Pérez.

A voceira da formación lamenta que o executivo recorra, ademais, á demagoxia para terxiversar as dimensións reais da actuación.

“Está a maquillar os datos descaradamente. Os 30 traballadores que, anuncia, tomarán posesión nos próximos días non son máis que os 5 socorristas da campaña de verán e as prazas concertadas para persoas procedentes da Risga que, como cada ano, participan nos programas de inserción laboral que promove a Xunta; unha colaboración que, dito sexa de paso, neste exercicio pode verse incluso comprometida polo atraso que leva a súa tramitación”, advirte Pérez Herráiz, quen cualifica de “fume” os logros que, neste senso, pretende atribuírse o equipo de goberno.