Lugonovo solicita o arranxo da medianeira peonil da Ronda do Carme

Lugonovo chama a atención sobre o estado de conservación no que se atopa a mediana peonil da Ronda do Carme.

O pavimento do paseo presenta, a xuízo do Grupo Municipal, un grave deterioro como consecuencia do crecemento das raíces do arboredo que contén e da falta de coidados que, dende hai anos, padece este enclave.

“O volume do enraizado é tal que estragou a maior parte do firme, levantando o chan en multitude de puntos o que supón un potencial foco de caídas para os viandantes e, polo tanto, un perigo para a cidadanía que frecuenta este espazo”, advirte Cristina Pérez Herráiz.

A portavoz da formación insta ao goberno a revisar as condicións nas que se atopa a beirarrúa e a corrixir canto antes o danos detectados no seu revestimento sen comprometer a protección das árbores.

“Esa falta de mantemento apréciase especialmente a partir do número 70 da vía, onde as baldosas mesmo chegaron a partirse debido á envergadura que están collendo os exemplares de liquidambar alí plantados. Coincide ademais co punto onde  comeza o xardín o que propicia que sexa tamén a parte máis transitada, tanto pola veciñanza que desfruta do seu ocio neste parque como pola que o atravesa para acudir ás áreas de xogos infantís que se atopan na contorna” – indica a voceira de Lugonovo – polo que convén que, nestas datas máis que en ningún outro momento do ano, o executivo aumente a supervisión e tome as medidas oportunas para amañar estas deficiencias o antes posible”.