Lugonovo insta ao goberno a incrementar os espazos cardioprotexidos

Lugonovo insta ao goberno a tomar exemplo doutras rexións e aumentar os espazos cardioprotexidos da cidade.

A formación preguntará ao executivo polo número de dependencias municipais dotadas con desfibriladores automáticos logo de que se cumpran dous anos dende que a agrupación trasladara unha proposición ao Pleno para ampliar de forma progresiva os recintos públicos que dispoñen deste tipo de utensilios.

“En xuño de 2016 puxemos o foco na necesidade de que, especialmente, os complexos deportivos da capital contaran con esta tecnoloxía, que non require de coñecementos sanitarios previos pero que contribúe ao obxectivo de salvar vidas”, indica a portavoz.

“Sen embargo, dende aquelas, cremos que non houbo un verdadeiro esforzo da administración local  por avanzar neste camiño, o que xa se demostra no feito de que o propio Concello careza deste aparataxe tanto na sede administrativa como na Casa Consistorial”, advirte Cristina Pérez Herráiz.

“Ao noso xuízo, Lugo debera seguir a senda trazada por outras comunidades autónomas onde a implantación destes instrumentos é obrigatoria en instalacións públicas. País Vasco, Cataluña, Andalucía, Canarias, Madrid e Valencia posúen normativa propia ao respecto e mesmo Asturias contempla o imperativo de que existan desfibriladores tanto nos edificios institucionais como nos establecementos e locais nos que se desenvolvan espectáculos ou actividades recreativas que teñan un aforo autorizado superior ás 750 persoas”, refire a voceira.

Dende o Grupo Municipal apúntase ao Auditorio Gustavo Freire e aos centros de convivencia como outros dos emprazamentos nos que sería aconsellable habilitar os dispositivos, tendo en conta a súa eficacia.

“Estes equipos portátiles son de fácil manexo e baixo custo. Mediante instrucións moi sinxelas orientan ao usuario sobre cómo proceder de maneira correcta ata a chegada dos servizos de emerxencia aos que informa, á súa vez, mediante un xeolocalizador, do punto exacto no que se atopa o paciente. Non en van, os datos reflicten que a súa utilización incrementa un 90% as posibilidades de supervivencia cando son empregados nos primeiros cinco minutos tras sufrir unha parada cardíaca”, sinala Pérez Herráiz.