Lugonovo e En Marea formalizan a súa unidade cara ás municipais coa sinatura dun protocolo

A plataforma cidadá Lugonovo e En Marea asinarán na tarde de hoxe o protocolo de colaboración que rexerá a súa concorrencia conxunta ás eleccións municipais de 2019 na cidade de Lugo. Por medio dese documento, ambos os dous actores políticos oficializarán unha dinámica de cooperación que é norma cotiá dende a fundación de En Marea en Vigo a finais de xullo de 2016. Dende entón, teñen sido varias as actividades e posicionamentos públicos comúns dos dous espazos, que se entenden referenciais en cadanseu ámbito de actuación.

Lugonovo sinala a importancia deste acordo á hora de ofrecer á cidadanía luguesa unha oferta electoral nitidamente de esquerda e ampla no seu formulamento. Unha oferta, ademais, conectada cos distintos espazos de cambio e dinámicas políticas que no conxunto de Galicia teñen en En Marea o seu referente.

A sinatura do protocolo realizarase durante o acto público que terá lugar dende as oito da tarde no local de Lugonovo, na ronda da Muralla, 164. Nesta xuntanza intevirán a portavoz municipal de Lugonovo Cristina Pérez Herraiz, a concelleira da plataforma e vicevoceira de En Marea Victoria Esteban Riesco e o portavoz de En Marea Luís Villares.