Lugonovo organiza un encontro intercultural na Milagrosa en torno á música galega e marroquí

Lugonovo convida a toda a cidadanía a participar no encontro Mulleres e Cantares que terá lugar o vindeiro luns, 30 de xullo, no local social da Igrexa da Milagrosa.

Buscando a sintonía entre Galicia e Marrocos, a formación organizou unha xornada de  dinamización que terá á música como fío condutor e nexo de unión dámbalas dúas culturas.

Trátase dunha actividade dirixida a harmonizar a convivencia e mellorar a integración social neste barrio lucense no que a comunidade marroquí ten unha destacada presenza.

O evento, terá lugar a partir das seis e media da tarde e contará coa participación e dinamización da pandereteira e experta en música tradicional Branca Villares.