Lugonovo insta ao goberno a incorporar maquinaria eléctrica para o coidado e mantemento das zonas verdes da cidade

Máis atención e mellores coidados para as zonas verdes da cidade pero contaminando menos cos traballos de conservación. É o que reclama Lugonovo á vista do descoido que se detecta en moitos dos espazos axardinados da capital e aproveitando que o contrato para estas tarefas leva caduco dende marzo de 2017 i é preciso sacar un novo a concurso.

“A habitabilidade e a sostibilidade urbana dependen, en gran medida, da calidade do aire que respiramos. Por iso cómpre plantexar un conxunto de políticas integradoras capaces de reducir as emisións atmosféricas dende tódolos eidos posibles”, explica Víctor Álvarez.

O edil da formación propón incluír como melloras nos pregos da concesión que a adxudicataria do servizo empregue unha cota mínima de maquinaria eléctrica.

“Gustaríanos que as bases contemplaran unha valoración positiva daquelas empresas que oferten, entre outras medidas, renovar a flota con vehículos híbridos ou biodiésel e mesmo utilizar ferramentas que, fronte ás convencionais e no canto de funcionar con motores de gasolina, o fagan con baterías. Pode ser o caso de rozadoras, sopradoras ou corta setos eléctricos ou incluso de camións de poda adaptados aos viais e camiños estreitos para acelerar a recollida de restos e reducir así tanto o seu impacto acústico como o ambiental por consumo de carburante. Trátase de conseguir que toda a operativa resulte máis silenciosa, sostible e respectuosa co medio e que este cambio de proceder supoña tamén unha diminución considerable da pegada de carbono que xera a cidade”.

Álvarez Arias advirte igualmente da necesidade de incrementar, especialmente nestas datas, o aseo dos xardíns públicos.

“Hai tan só uns días, na praza da Fonte dos Ranchos, podíanse ver anacos de xornais e papeis mesturados coa follaxe da vexetación ás beiras dos bancos e, o que nos parece máis grave, botellas de cristal e bolsas de plástico nas áreas reservadas aos xogos infantís. É só un exemplo, porque o deterioro que sofren a maioría dos parques do municipio é notorio e permanente”, explica Víctor Álvarez.

O concelleiro de Lugonovo apunta a necesidade urxente de solucionar todas estas eivas que poden propiciar á súa vez situacións perigosas para os usuarios e afea a imaxe de abandono que reflicten.

“Debemos lembrar que nos atopamos en plena época estival, cando se incrementa a presenza de turistas e as familias frecuentan os arboredos con maior asiduidade o que esixe que tódolos recintos estean en perfectas condicións tanto de seguridade como de limpeza”, conclúe Víctor Álvarez.