Lugonovo pregunta pola situación urbanística da grada Fondo Sur do Anxo Carro

¿Cal é a situación urbanística na que se atopa a grada Fondo Sur do Anxo Carro?

Lugonovo vén de rexistrar varias preguntas sobre a regularización deste anexo ao estadio, logo de que o Concello emitira un decreto en outubro pasado obrigando ao Club Deportivo Lugo a solicitar a súa licenza nun prazo máximo de tres meses.

“E xa van dez – sinala Víctor Álvarez – e a estrutura segue en pé, coa mesma aparencia de provisionalidade, e sen que polos departamentos municipais correspondentes teñan constancia de que pasara petición algunha”.

A orde do executivo requiría ao CD Lugo “como promotor” e á Xunta de Galicia “como propietaria” para que nese período, ou ben iniciaran a tramitación da autorización ou presentaran a comunicación previa para as obras feitas sen título habilitante, co risco de ter que derrubalas, e asumir o seu custo, no caso de non axustarse aos tempos.

“Pero moito nos tememos que nin unha cousa nin a outra”, refire o concelleiro da formación lamentando, como semella, que o goberno “aplique unha dobre rapadoira para esixir o cumprimento da normativa municipal, en función de onde partan as actuacións”.

“Esta bancada foi instalada en 2013 por un período de catro anos que rematou en xuño de 2017. En agosto do 18, e sen que transcendera ao respecto información de ningún tipo, queremos saber qué pasos se levan dado, dende entón, para legalizala. A qué se deben os atrasos, se a administración local lle impuxo algunha sanción ao Lugo ou se, no caso de que a entidade deportiva fixera uso do seu dereito de interpoñer recursos, ben de reposición ou contencioso administrativos, cal foi a resolución e cal a capacidade de manobra da que dispón agora o Concello”, cuestiona Álvarez Arias.

O edil de Lugonovo sinala que esta non sería a primeira prebenda institucional da que se beneficiaría a Sociedade Anónima capitaneada por Tino Saqués, que disporá de dúas hectáreas de terreo público en San Fiz para crear unha cidade deportiva. “E non podemos esquecer tampouco que existe outro proxecto, dotado con financiación europea e que, se non se corrixe, pretende gastar case un millón de euros nunha pasarela faraónica sobre a N VI que máis que achegar a cidade ao río, dando servizo a toda a veciñanza, parece destinada a mellorar os accesos ao Anxo Carro”, conclúe.