Lugonovo reclama o acondicionamento da Estrada Vella de Santiago

É saír do barrio da Ponte e nese mesmo punto esgótanse tamén as dotacións públicas.

Dende o cruzamento co Rego do Espiño, en toda a Estrada Vella de Santiago non existe nin a primeira beirarrúa que facilite o tránsito peonil. Ao contrario. Lugonovo denuncia que o desleixo que sofre esta parte da cidade a converte nun perigoso escenario para os viandantes.

“O cualificativo máis axeitado para definir a envergadura que alcanzou aquí a maleza é o de desenfreo vexetal. Dende os predios, pasando polas cunetas e ata a mesma calzada, as malas herbas acaparan o pouco sitio que quedaba libre para camiñar de maneira que agora hai que invadir o carril para poder desprazarse pola zona”, advirte Víctor Álvarez quen pregunta ao goberno se lembra que esta área tamén pertence ao termo municipal.

“Toda a contorna presenta un estado tan lamentable de conservación que dá a sensación de que o Concello non investiu absolutamente nada nela dende que recepcionou a vía, hai máis dun lustro”.

Unha boa limpeza, unha roza en condicións e tamén a habilitación de espazos seguros para os transeúntes son algunhas das demandas que reclama a formación para este enclave de Lugo.

“Por non ter, a veciñanza nin sequera dispón dunha marquesiña onde gorecerse mentres espera polo transporte público. Ou se torra ao sol ou se enchoupa á intemperie agardando a que chegue o bus. Eso, se as silvas non engulen antes o sinal e a parada desaparece”, lamenta o edil.

“Resulta cando menos curioso que o executivo non escatime en colocar este tipo de infraestruturas alí onde non existe paraxe, como acontece na Abella, e, en cambio, as negue para lugares coma este nos que os usuarios asumen o risco permanente de sufrir o impacto dun vehículo ata que soben ao autocar”, reprocha o concelleiro de Lugonovo.