Lugonovo lamenta que o goberno non corrixira antes do verán as deficiencias da sinalización turística

Dar coa Oficina Municipal de Turismo. Ese é o primeiro reto co que se atopa o visitante que chega a Lugo. E como non é cousa doada, esta tarefa segue a ser tamén o principal motivo das súas queixas. ¿O segundo desafío? Adiviñar que se pode subir á Muralla e a través de qué portas é posible facelo.

Dúas eivas sobre as que Lugonovo puxo o foco en outubro pasado, solicitando a súa corrección pero que, 10 meses despois, continúan sendo un hándicap que lastra a proxección da cidade.

“Non entendemos como é posible que, pese a constatarse que a capital avanza posicións como destino turístico, este goberno non fixera ningún esforzo no último exercicio para solventar unha carencia que se resolve con só mellorar a sinalización”, lamenta Víctor Álvarez.

O Grupo Municipal refire que, a pesares de que nalgúns enclaves existen certo tipo de indicadores, os soportes actuais resultan insuficientes en canto a súa visibilidade e claridade nos contidos que trasladan, o que pode propiciar certa confusión e mesmo mermar a calidade da estancia.

“Por exemplo, ¿cómo sabe alguén foráneo que o único acceso ao adarve que dispón de elevador se atopa ao fondo dos xardíns da Deputación, se non hai nada que llo advirta en todo San Marcos nin nas inmediacións?”, cuestiona o edil quen lembra que esta non é a única proposta de Lugonovo, amparada pola Corporación, que o executivo local relegou ao tinteiro.

“Que conste que esta desidia tampouco nos colle de sorpresa, cando levamos tres anos agardando a que entren en funcionamento os roteiros patrimoniais que propuxemos en decembro de 2015”, reprocha Álvarez Arias.

Aquela iniciativa pretendía a creación dunha sinalética propia dos edificios, monumentos e vías para que, mediante códigos QR, se trasladase información de interese histórico, artístico ou arquitectónico deses espazos que, ata o de agora, pasaron desapercibidos por falta de recoñecemento institucional. “E polos que, coa traxectoria que leva este equipo de goberno, xa nos podemos sentar e acomodarnos ben esperando a que os materialicen. Esa é a triste conclusión á que chegamos cada vez que ratificamos en Comisión o incumprimento constante que se fai dos acordos plenarios aprobados”, conclúe o concelleiro de Lugonovo.