Lugonovo esixe habilitar axeitadamente os accesos peonais ao estadio Anxo Carro

O concelleiro Víctor Álvarez fíxose eco hoxe do malestar existente entre a afección do Club Deportivo Lugo ante a situación dos accesos ao estadio en plena pretempada futbolística. Trátase dunha problemática recorrente que se caracteriza por un estado “lamentable” ou incluso “impracticable” dos accesos comunmente utilizados por ducias de persoas nas xornadas de xogo.

Como exemplos desta situación, o concelleiro expuxo os casos do camiño que chega pola Avenida da Fábrica da Luz e o paso dende as inmediacións do Pazo de Feiras que cruza por baixo da estrada Nacional 6. A maleza sen rozar na zona súmase ao estado de pistas que non pasan practicamente de carreiros para presentar un panorama que incomoda visiblemente ás seareiras e seareiros do Lugo.

Na súa declaración, Álvarez salientou que é competencia do goberno municipal garantir o mantemento deste tipo de infraestruturas peonais, incluindo as situadas nas proximidades do estadio Anxo Carro. Álvarez lamentou que o partido amistoso contra o RC Deportivo da Coruña desta tarde vaia celebrarse nestas condicións. Neste sentido, lembrou igualmente que o primeiro partido de Liga será o encontro entre CD Lugo e Málaga CF do sábado 18 de agosto, “un momento onde, ante a previsible afluencia de afeccionados, sería inxustificable que se mantivese este lamentable estado dos accesos”.