Lugonovo reclama que os accesos á cidade conten cunha iluminación adecuada

O concelleiro de Lugonovo Víctor Álvarez Arias instou hoxe ao Concello a pór remedio ao risco para a circulación que supón a escasa iluminación nocturna nas entradas da cidade. Unha situación que abrangue tanto a iluminación pública das estradas como a súa deficiente correspondencia nas autovías, competencia do ministerio de Fomento. “Trátase dunha situación que compromete a seguridade das persoas que acceden á cidade en coche pero, no caso das estradas, tamén a posibles peóns que crucen por pasos mal alumeados” sinalou o edil.

No caso das entradas e saídas dende autovía, Álvarez Arias lembrou que a única vía iluminada axeitadamente é a saída cara a Madrid da A-6. Mentres que a entrada da mesma autovía dende a Coruña ou da A-54 dende Palas de Rei e Santiago de Compostela “adoecen dunhas carencias de iluminación que, nunha vía de alta velocidade, resultan especialmente chamativas e problemáticas” aseverou. Lembrando que se trata dunha competencia do ministerio de Fomento, o concelleiro reclamou que o goberno municipal actúe coa contundencia que debe caracterizar a unha administración deste nivel para instar ao goberno do Estado, “cuxa sintonía co local pola concordancia de siglas políticas non se nota moito en termos prácticos”, a instalar e manter os sistemas de iluminación necesarios.

“Pero hai espazos que si son competencia do Goberno municipal que requiren dunha actuación urxente” lembrou, poñendo como exemplo dun destes lugares “a Avenida Infanta Elena, un clásico do desleixo en infraestruturas por parte de quen levan moitos anos gobernando Lugo”. “Para observar o firmamento pode estar moi ben, pero se se trata de conducir cunha percepción clara do entorno, debería acometerse xa unha mellora da iluminación” ironizou.