Preocupación pola falta de transparencia na organización do World Padel Tour Lugo 2018

A portavoz municipal de Lugonovo Cristina Pérez Herraiz expuxo hoxe as dúbidas da formación sobre a forma en que o Concello está a contribuir na organización do World Padel Tour Lugo 2018, que terá lugar do 2 ao 9 de setembro. “Lugonovo sempre defenderá a implicación da cidade en eventos que promovan o deporte e leven o nome de Lugo polo mundo” salientou, pero destacando que isto será así “sempre que a organización destes eventos sexa transparante, se corresponda co interese público e conte cun retorno do investimento razoable”. “Pedimos transparencia e sentido común” resumiu.

“Lamentablemente, non sabemos se é o caso nesta ocasión” indicou, xa que “na nosa opinión, o Concello está obrando de maneira impulsiva, improvisada e pouco responsable”. Pérez Herraiz puxo como exemplo o feito de que se teña aprobado, por decreto, un expediente de modificación de crédito orzamentario que prevé 121.000 euros para dar cobertura aos gastos derivados da participación do Concello na organización do evento “sen que se aclare en ningún momento de que outra partida foron retirados estes cartos”. Co orzamento aprobado “logo dunha odisea institucional” unha modificación tan grande “a tres semanas e pola porta de atrás” é para a portavoz municipal de Lugonovo “unha maneira de obrar pouco meditada e dificilmente xustificable cando o evento está previsto, polo menos, desde xaneiro deste ano”. “Por que non se deseñou un orzamento para este evento en tempo e forma?” preguntou.

Ademais, Cristina Pérez reclama ao Concello que explique cales foron os estudos previos sobre o impacto que terá o evento na cidade para valorar a súa idoneidade e a necesidade dun financiamento tan alto. En comparación, a portavoz de Lugonovo lembrou como o paso da Volta Ciciclista por Lugo en 2016 contou cunha achega de 90.000 euros das arcas do Concello que garantían a presenza da cidade nun evento de “amplísima cobertura informativa e seguimento social”.

“Na organización do  World Padel Tour Lugo 2018 botamos en falta moitas cousas” resumiu Cristina Pérez, para quen o máis importante é que “os grandes eventos non xeren grandes prexuízos” e “o deporte, a cultura e o nome da cidade reciban a atención que merecen por parte do goberno municipal” sempre de maneira “clara, proporcional e programada”.