Licenza para marchar

Esta revisión do clásico lema das películas de James Bond podería ser o do goberno municipal. Un executivo que ten feito da desorganización a súa insignia deseñando un panorama desincentivador cuxas consecuencias comezan a ser palpables sobre a economía da cidade. Especialmente indicativa é a demora media na concesión de licenzas urbanísticas.

Sería inxusto e demagóxico non ter en conta a conxuntura xeral dos concellos durante a crise económica que levou por diante o 70% do volume de licenzas que aprobaba un concello galego hai unha década. Pero, a un fenómeno xeral de descenso da actividade económica, por tanto das obras requeridas en negocios da cidade, hai que sumar a condición particular de parálise organizativa que se dá en Lugo para entender que a tónica xeral deste mandato municipal foi a dilación extrema dos procedementos de concesión de licenzas urbanísticas cun impacto forte no desinterese da cidadanía local polo emprendemento.

Non aventuro ningún imposible: Lugonovo xa se xuntou en máis dunha ocasión con representantes de empresarios locais, promotores e arquitectos que coincidían na súa preocupación. O ano pasado houbo 71 solicitudes  de licenza que acumulaban dous anos de atraso cada unha. Tan grave é a situación que a maioría da oposición municipal asinou, a iniciativa nosa, un escrito o pasado maio solicitando medidas para axilizar os expedientes.

Como xa dixemos varias veces, o problema é estrutural. Lugo é un barco sen patrón ou patroa. A fosilización da Relación de Postos de Traballo (RPT) que fai que o esquema de persoal do Concello non se corresponda coas súas necesidades e traballo real produce un caos organizativo digno dunha comedia teatral surrealista. O recente paso de contratar o último día do mes pasado dous arquitectos por acumulación de traballo no Concello pode ser un paso na dirección certa, se ben un paso tardío nunhas datas inxustificables de pleno verán e sen pleno municipal á vista ata fins de setembro.

En definitiva: a única licenza que concede este goberno ao pequeno empresariado lugués é a de marchar para investir noutro sitio.