Lugonovo pide regularizar a situación do sitio web municipal e critica a súa pouca utilidade

Un sitio web desactualizado, pouco intuitivo e, por riba, en situación irregular logo de que o seu contrato teña caducado a comezos do mes de xullo. Este é o panorama da que debera ser a ferramenta de presenza dixital do concello de Lugo que debuxou hoxe Cristina Pérez Herraiz. A portavoz municipal de Lugonovo puxo en dúbida a utilidade real que pode ter a web municipal para as persoas que precisen de información sobre aspectos institucionais e de xestión, “se temos en conta que os únicos apartados que se actualizan regularmente son as novas e a axenda municipal”.

“Atopámonos cun grande número de seccións inoperantes polo feito de atoparse desactualizadas” salienta Pérez Herraiz, pondo como exemplo “o caso da sección de Obras no apartado de Rexistro Municipal, que non ten ningunha actualización dende 2013”. “Cinco anos de atraso na información pertinente sobre as obras que acomete o Concello de Lugo: isto é unha administración accesible para a cidadanía?” preguntouse a portavoz municipal. Outras seccións coma o Rexistro de Convenios só reflicten datos máis recentes, concretamente ata 2017, “pola reclamación insistente de Lugonovo no seu momento”, lembra.

Pérez Herraiz convidou ao goberno municipal a “poñer o Concello no século XXI” a través dunha presenza web “operativa” que permita á cidadanía unha relación máis fluída, transparente e cómoda no seu día a día coa administración municipal. “Preguntámonos se a forma que o Concello pensa que debe ter unha veciña de Lugo de conseguir información sobre obras na súa rúa é a través dun telefonazo ou tendo que desprazarse en horario de mañá” acrecentou.

“Entendemos que se trata dunha situación inxustificable que podería resolverse, simplemente, mediante a oportuna renovación do contrato municipal e un escrutinio meticuloso do seu cumprimento” xulgou Cristina Pérez, quen quixo lembrar tamén outro dos puntos febles da estrutura dixital do Concello: a web de Transparencia. “Hoxe en día é pouco máis que un agregador de ligazóns á propia páxina web do Concello sen contido propio” explicou, lembrando que mesmo “ofrece información desactualizada sobre as persoas que conforman a Corporación Municipal ao non ter en conta os cambios habidos na composición da mesma dende o verán de 2015”. Unha última eiva esta atribuíble tamén á propia información sobre os grupos municipais que recolle o sitio www.lugo.gal.