Lugonovo denuncia o abandono de soares próximos á muralla

A portavoz municipal de Lugonovo, Cristina Pérez Herraiz, alertou hoxe do “perigo para a cidadanía” que constitúe a proliferación de soares en estado de abandono. Pérez Herraiz centrou as súas críticas na situación do terreo que se estende entre os números 11 e 17 da rúa Cidade de Viveiro, nas proximidades da Muralla e “a menos de cen metros da Catedral”. Un espazo derruído, invadido pola vexetación e que constitúe unha estampa de abandono ao carón do centro histórico e monumental da cidade.

“O prexuízo para a cidadanía non é só estético” sinalou a portavoz, quen salientou o problema da “insalubridade” xa que entre a maleza e as ruínas da casa “a piques de caer” atopan o seu espazo ideal de cría todo tipo de insectos e mesmo ratas. Un panorama que preside, ademais, unha rúa que serve como “unión entre os nosos Patrimonios da Humanidade e o parque Rosalía de Castro”.

Para Cristina Pérez, esta situación enmárcase nunha problemática xeral que Lugonovo vén detectando e denunciando na cidade, con preocupación polo seu carácter crecente. “Ultimamente estamos a ver máis ca nunca o abandono da cidade” denunciou a portavoz. Isto sucede tanto “por parte do goberno municipal como de moitos propietarios” engadiu, para acusar ao Concello de Lugo de “non facer os seus deberes”. Neste sentido, lembrou que é obriga do executivo local “obrigar aos propietarios a actuar” ou “actuar de maneira subsidiaria”.

Ante a omisión desta responsabilidade, “dende Lugonovo pediremos que se tomen as medidas oportunas”, anunciou Cristina Pérez.