Lugonovo pregunta que sucede co procedemento para o uso dos hortos urbanos pertencentes ao Concello

O concelleiro Víctor Álvarez Arias esixiu hoxe explicacións ao goberno local sobre a parálise no proceso de asignación dos hortos urbanos municipais, 33 parcelas, e demandou do executivo unha resposta clara arredor do futuro do actual procedemento. “Queremos saber que está a pasar cos hortos” sinalou “e se o proceso está paralizado, cales son os motivos e cal o prazo que prevén para executalo, se é que hai un prazo previsto”.

Álvarez Arias lembrou que, aínda que as adxudicacións de hortos foron publicadas con carácter definitivo en xuño “e, curiosamente, cunha corrección provisional á lista definitiva en xullo”, o proxecto acumula xa sete meses de atraso dende que a Xunta de goberno dera luz verde ás bases da actual convocatoria a finais do mes de xaneiro. “O atraso real é moito maior” lamentou o concelleiro “se pensamos que é un proxecto cuxa aprobación conseguimos impulsar vencellada ao acordo sobre os Orzamentos do ano 2016”.

Neste sentido, o concelleiro volveu lembrar, como xa fixera no mes de xuño, que “tanta demora conseguiu que teña pasado xa a época de plantar boa parte dos produtos que se poden obter destes hortos como tomates, leitugas, cenorias ou pementos”. A consecuencia é que os hortos renderán moi por baixo da súa capacidade “aínda no caso de que se entregasen mañá ás persoas adxudicatarias”.

“O feito de que que entre adxudicatarios e suplentes haxa máis de 50 persoas indica que hai unha demanda insatisfeita” sinalou Álvarez Arias “que o Concello non parece ter interese en atender”. “É moita a xente á que teñen que dar explicacións” continuou “especialmente sobre o futuro e quizais a validez e vixencia do actual procedemento”.

Ademais, Víctor Álvarez cuestionou, á vista dos acontecementos, o compromiso do Concello con este tipo de prácticas de sostibilidade urbana “aínda despois de ter gastado 60.000 euros no acondicionamento do terreo das parcelas dos Paxariños”. Un investimento que a desidia do goberno mantén como gasto improdutivo mentres sería “doado aproveitar o espazo, ademais de para o uso das persoas adxudicatarias, para actividades e obradoiros sobre a elaboración de composteiros, alternativas a produtos fitosanitarios e abonos químicos, etc”. Unha forma de poñer en valor un lugar e un investimento que “difundiría prácticas máis responsables co medio ambiente e coa saúde das persoas e a calidade dos produtos consumidos”.

“Claro que para todo isto primeiro temos que saber unha cousa: que pasa cos hortos, señoras e señores do goberno?” resumiu o concelleiro.